Amosando publicacións coa etiqueta Compravenda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Compravenda. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de xullo de 2012

Escritura de Doazón do solar do Local Social


Antes de nada amable anónimo, as miñas desculpas por demorarme en atendela súa petición de ollala posibilidade de ver publicada a copia da escritura de doazón. Como sabe, se me segue desde o outro blogue, diariamente nútrome das novas do día ou das hemerotecas que xorden relacionadas co monte e que me remite ao correo a ORGACCMM.

Como lembraba ver algunha relacionada coa inscrición de bens comunais no Rexistro da Propiedade, quería partillado xunto co documento. O malo é que os enlaces da hemeroteca só son visibles no día e non me foi nada doado dar coa noticia que me interesaba, aínda que si dei con outras para unha nova entrada. Os buscadores son unha gran ferramenta, pero como non lle precises un pouco os datos, é coma buscar unha agulla nun palleiro.

Ben isto a conto, porque na copia que da escritura me entregara aquel vogal, ao contrario que na que partillo e que escanei cando parte da documentación da comunidade pasou polas miñas mans, non constaba a inscrición no Rexistro da Propiedade a nome dos seis beneficiarios. Algo normal, xa que aquela está custodiada na Notaría e non tiña porque vir.

O realmente curioso e que logo de quereren darlle visos de legalidade co segundo documento, non fixesen o mesmo no Rexistro. Estas son cousas das que te decatas cando as tes nas mans, no antes, pero di moi pouco do asesor ou asesores que tiveron.


La Voz de Galicia: Medidas para evitar a apropiación de monte comunal

A xunta de montes de Darbo insta ao rexistrador da propiedade a esixir o preceptivo certificado de non invasión de monte comunal que expide o xurado provincial a todo aquel que queira rexistrar un terreo que linde con terreo en man común.

A directiva da comunidade de Darbo afirma ter detectado casos de particulares que rexistraron terreos de monte deslindados e conveniados coa Consellería do Medio Rural. Asegura incluso que algún construtor presentou proxectos de parcelación de terreos comunais

A xunta asegura que o citado certificado de non invasión de monte comunal é un requisito indispensable nalgúns rexistros.

luns, 16 de xullo de 2012

A rocambolesca historia do solar do local (5)



Despois de todo o que fun debullando ao longo desta xeira de entradas, chega a proba palpable de que as cousas, polo motivo que fose, agora non é tempo de pedir responsabilidades, non se fixeron ben que se podía facer e seguramente, se se recapacitara, a comunidade houbese gañado moito máis do que perdeu. Descoñezo quen os asesorou, aínda que poría a man no lume, para que dúas semanas despois de celebrarse a asemblea que apunto aquí, a expropietaria fixese ante o mesmo notario o documento que aporto, para tratar de darlle un viso de legalidade, se era posible, ao documento de doazón. Isto explicaría porque non se nos denunciou, porque se o primeiro documento fose legal, como xa dixen, con todo o que fixeron constar na acta, a súa broma custaríanos moi cara.

Xa centrándome no local, as probas de que daquela non se construíu pola miña culpa están de novo nas actas. Isto é o que houbo. Non seria ata o 2 de outubro de 1994, cando volven a citalo noutra reunión da xunta reitora, aínda que fose en rogos e preguntas.

  • 3º) Ruegos y preguntas. Los vocales piden que en la máxima brevedad posible, se pongan en marcha las obras del local social tal y como está aprobado. El presidente dice que él mientras no tenga la documentación legal que no puede hacer nada y eso que no dependía de él, si no del aparejador municipal.

Xa ben, oficialmente o problema non foi meu, nin de outros, como se nos achacou extraoficialmente daquela, e aínda hoxe en día achácanme unhas comuneiras. Esquezo de dicir que nesa época estaba emigrado, polo que pouco "poder" tiña para interporme á obra.

Outra proba máis de como dende o poder se poden manipulalas masas é que, segundo esta nova acta da xunta reitora do 5 de xaneiro de 1995, nin tiñan visado o proxecto, a pesares de que en de maio de 1994 dixéraselles que sen ese requisito non se podía obrar.

  • Tercer punto: Aprobación por parte de los vocales para llevar la documentación del local social al Colegio de Arquitectos. A este punto todos los presentes dan su total conformidad.

Entenden agora a importancia de que as actas se expoñan publicamente! Por iso daquela as reclamaba con tanta insistencia, porque nelas estaba a verdade, aínda que fosen escritas pola parte interesada. Os ruxe-ruxe e os contos de taberna ademais de non ser fiables, fan moito dano como se demostrou. Mais debo dicir que no canto á información, recuncamos para atrás dende o meu frustrante paso pola secretaria. Polo menos neses dous anos os comuneiros sabiades o que debatiamos e aprobabamos nas reunións, tanto da xunta reitora, coma das asembleas xerais. Non me cansarei de dicilo, por Lei é obrigatorio dar lectura as actas da xunta reitora na primeira asemblea xeral que se celebre.

Até o final da lexislatura en agosto dese mesmo ano, celebráronse tres asembleas xerais e dúas da xunta reitora, e non se volve a mencionar o local. Polo tanto, que nesa lexislatura non puxesen a primeira pedra, queda probado nas actas que non foi por culpa dos críticos.

Tanto o tema da leira como o do local dou pe a un gastos, nuns casos reais e noutros superfluos, de un millón duascentas once mil trescentas cincuenta e seis pesetas (1.211.356). Moitos como digo, evitables, se se fixeran ben as cousas dende un principio, e menos mal, que como digo aquí, fomos quen de convencer aos comuneiros de que non tiñamos porque pagar esas 255.000 ptas a maiores aos xa propietarios da leira. En realidade esa considerable suma tivérona que pagar por darlle visos de doazón ao documento, en troques de compra-venda, que foi o que en realidade se fixera.

Agora ben, tamén descoñezo que outra chafullada fixo a actual xunta reitora, porque aínda non executaron a sentencia que obriga a expropietaria e á comunidade, ou sexa, ao presidente de quenda, a facelo documento de compra-venda, agora si, a favor da comunidade. Pero isto xa é outra cuestión que abordarei no seu momento.

Dietas e gastos dos que teño constancia que xerou a leira e o local ata o ano 1995. Os cobros polas dietas son en bruto, non por cada directivo.

23/01/93. Avisar a un vogal para comunicarlle unha saída: 1.000

25/01/93. Saída de catro directivos para permutar monte con (...) : 15.000
Taxi a Coruña: 17.500

27/01/93. Saída de dous directivos a xunto o topógrafo, para deslindar parcela de sete ferrados: 5.000

01/03/93. Saída dun directivo ao Son pola casa parroquial: 2.500

02/03/93. Saída de tres directivos a conseguir documentación do terreo de monte a cambio: 15.000
Taxi a Coruña: 16.500

10/03/93. Saída de dous directivos a consulta e redacción de documento publico por monte en permuta: 5.000
Avogado: 11.500
Taxi: 5.000

29/03/93. Saída ao notario: escriturar finca.
Pago realizada á dona: 851.000
Notario: 26.306
Xustificante de dous directivos: 15.000 *
Xustificante de dous directivos: 10.000 *
Xustificante de dous directivos: 5.000 *

Taxi ao Son: 4.000

31/03/93. Saída dous directivos a pasalo documento da leira á oficina liquidadora: 5.000 *
Rexistro da Propiedade (rexistrada en nome dos seis directivos): 130.200
Taxi a Noia: 6.000

06/04/93. Saída de dous directivos a solicitar permiso para construír o local: 15.000
Taxi a Coruña: 15.500

07/07/93. Saída dun directivo ao Son para falar co aparellador polos planos do local: 2.500

02/05/94. Saída de tres directivos para facer documento de achegamento con lindeiro: 15.000
Notario: 9.350
Taxi ao Son: 2.500

* Eses directivos eran os copropietarios da leira.

Dáse a paradoxa ou anécdota, de que cando se comprou a leira, ao seu carón ofertábase outra que tiña auga corrente, e rexeitouse. Pouco tempo despois comprouna un paisano se non me trabuco, por un millón de ptas, e logo uns veciños compráronlle a auga para servizo do cemiterio, agárrense os..., polo mesmo prezo. Máis tarde, nunha asemblea aprobouse aboarlle eses cartos aos veciños. Tempo despois a comunidade decideu comprar outra traída de auga, neste caso para o local. Sinceramente, a primeira auga daba servizo para o cemiterio e para o local, pero cando se vive por riba das posibilidades pasa o que pasa. Outra cousa era que a comunidade non lle reintegrase os cartos a eses veciños.

sábado, 14 de xullo de 2012

A rocambolesca historia do solar do local (4)

Por non facer ben as cousas, o Hospital da Barbanza é dos comuneiros de Oleiros
Pois si, non só acataron o acordo que do seu puño e letra fixeran constar na acta, comprobala legalidade do documento de doazón, se non que querían construílo local por riba de todo, a pesares de que o vogal-copropietario que descubriu todo, os advertiu que mentres non se clarificase o tema el non permitiría construír na leira.

Isto é o que reflicte integramente a acta do acordo tomado. Obsérvese que non consta o voto contrario do citado vogal:
  • Segundo punto: El presidente pregunta a los vocales de como se va a llevar a cabo la construcción del local social de montes.
    Después de los vocales dialogaron unos con otros el acuerdo final es el siguiente. Por falta de recursos económicos para poder cubrir la totalidad de la obra, acuerdan que sea llevada por fases. Donde dicen que la primera fase sea la estructura cubierta con tejado.
Coma terceiro punto atopamos este outro acordo tomado por 18 directivos dos 20 presentes, que non tivo senso, xa que as graves imputacións que nos atribuíron e fixeron constar na acta da asemblea foron totalmente FALSAS. Entenden agora o da tixola? Iso por unha parte, mais pola outra, como era posible que varios vogais que non estiveron na asemblea, tamén votasen a favor? cando o normal, por non ser testemuñas, tíñanse que abster. Isto é una pequena mostra da manipulación á que foron sometidos os comuneiros.
  • Tercer punto: Con respecto a este punto, los vocales que en estos momentos se encuentran presentes en la asamblea, después de marcharse (...) «o vogal da discordia» y la abstención de (...) y (...) «as únicas vogais da xunta reitora», los dieciocho restantes se pronuncian a favor de que se interponga una denuncia con abogado y procurador, frente a los responsables de las imputaciones hechas al presidente y miembros de la junta rectora en la anterior asamblea.
O que pasou logo sábeno eles, pero o certo é que XAMAIS nos denunciaron a pesar das graves acusacións que presuntamente lles diriximos e que, con só presentaren a acta podíanos custar unha condena exemplar, acompañada dunha indemnización a pagar aos supostos agraviados, aínda que fósemos capaces a presentar algunha testemuña. Malas experiencias coa Xustiza con actas presuntamente falsificadas e duplicadas xa tivemos.

Teño a miña propia versión que paso a expoñer. Despois de tomado o acordo, seguramente tiveron unha reunión co avogado da comunidade e este, á vista da doazón, a única proba que teríamos de descargo ante o xuíz, debeunos advertir que levarían as de perder, e non só iso, a denuncia podíase por da súa contra, de feito tíñase que por, ou o xuíz podería cometer un presunto perxurio. Non debemos esquecer, que a parte das imputacións que nos atribuíron, na acta consta que a asemblea había aprobado que o notario e o avogado da comunidade, tíñanse que pronunciar sobre a validez do documento.

O único que me animou a presentarme no seu día á directiva, maldita a gaña que tiña, e con todo fíxeno pola amizade que me unía a dous irmáns, era tratar de que entre todos fixésemos borrón e conta nova. No meu caso, e por suposto no dos compañeiros daquela, a miña primeira intención era buscala anulación e tachado desas dúas actas. As futuras xeracións teñen que saber que nós XAMAIS pronunciamos esas imputacións e graves acusación, pero topeime coa triste de realidade de que, alguén por espurios espurios segue interesado en que a xente me vexa coma o comuneiro máis conflitivo da comunidade. Daqueles directivos, e naquela época poderíao entender, de feito non me debían favores.

Non, non é nada casual que a foto do Hospital da Barbanza acompañe a entrada, aínda que a explicación tocará na vindeira...
La Voz de Galicia: Os comuneiros de Oleiros aínda son os titulares do hospital: O Sergas non arranxou o papelorio para ser a propietaria do edificio.

A rocambolesca historia do solar do local (3)

Certificación dunha comunidade de montes
Abaixo o documento de compra-venda
Antes de que desvele que era o que agochaba o documento, debo facer un inciso. O 18 de xullo de 1993, a directiva recolle en acta: "En éste punto el presidente presenta un escrito que presenta (...), donde solicita doscientas cincuenta y cinco mil trescientas pts (255.000), que es lo que tiene que pagar a hacienda por suma de capital en su cuenta, por la venta de la finca a esta comunidad de montes. En estos momentos los comuneros piden que se lleve a votos y piden papeletas para que la votación sea secreta. Se acepta dar papeles por parte del presidente, y el resultado es el siguiente: diecisiete votos a favor, que se pague esa cantidad y cuarenta y tres votos en contra, de que no se pague".

Ben, seguindo co resumo, un día, o tan citado vogal, chámame para preguntarme se o podía levar á notaria para procurala copia do documento. Dito e feito, vamos ao Son e mentres agardo, sobe á notaría e recunca co papel, do que logo facemos outra copia.

Foi chegar á casa, léela, e quedar abraiado: non era un documento de compra-venda a favor da comunidade, se non unha doazón a nome de seis directivos, e aí ben o que con tanta insistencia afirmaba o vogal, de porque non se podía vendela leira e o local: "la donante prohibe la enajenación de las cuotas de los donatarios y la de su primera generación de descendientes". Os que entendan de dereito saben o que iso significaba. O que merca con diñeiro que non é seu non diga que merca senón que vendeu.

Por outra parte, seguramente tamén se deron de conta, o notario non lle dou a copia por ser testemuña, se non porque era un dos copropietarios, aínda que en realidade el non se decatou até que o advertiu a súa dona cando, coma min, abriu o documento. De aí que máis tarde me volvese a chamarme para preguntarme se tamén me dera conta.

Agora veñen as preguntas e as dúbidas:
  • Se se había aprobado comprala leira, na acta que refiro recollese claramente que a propietaria "vendeu", e que por tal motivo tivo un aumento de capital, como era posible que o documento fose escriturado como doazón, non á nome da comunidade, se non de varios dirixentes? Nel, si, recollese o seu valor a efectos fiscais, 851.000 ptas., pero non di que en realidade esa foi a cantidade que con fondos da comunidade se pagou á presunta doadora.
  • Sabía o notario que estaba ante unha compra-venda, e non lle tremeu o pulso falseando fehacientemente un documento oficial?
  • Foi el o que lles dixo que había que facelo como doazón e non coma compra-venda? Pregunto isto, porque anos despois foi o que declararon ante un xuíz.
Na asemblea celebrada o 21 de maio de 1994, a directiva propón no segundo punto da orde do día: "Presentación de proyecto y planos del local social de montes, ractificandose a la aprobación de la asamblea anterior". Teño visto máis dun cento de veces esta acta e decátome hoxe, que en realidade o punto non di: aprobación da construción do local", sen embargo a acta reflicte que se aprobou construílo, pero non di que non había quórum.

Obviamente levamos a copia da doazón para que se dese unha explicación convincente aos comuneiros, posto que para nós estaba claro que legalmente a leira non era da comunidade. O que veu logo é difícil de explicar por moitas entradas que escriba. Mentres os comuneiros neutrais, os que non tomaban partido pola directiva ou polos críticos, non entendían nada e querían saber quen tiña razón, outros, xunto coa maioría dos vogais, de vinte tantos, quince ou dezaseis, decantáronse claramente polo directivos.

O único que pretendiamos era que a directiva, os críticos, e os comuneiros que o desexasen, acudir ao avogado da directiva e que fose este o que explicase, se o documento á vista dos fondos pagados pola comunidade, tiña que ser de compra-venda a favor desta, ou por imperativo legal, tiña que ser como doazón a nome dos directivos. Outra cousa era que non houbésemos pagado ren, entón si, podía ser legal, pero de aí a construír na súa propiedade había un treito: o que ten fillos na muller allea, perde fillo e feitura.

Entre outras cousas isto é o que reflicte a acta: "El presidente pide silencio, porque se forma un gran tumulto de voces, donde dice a los 3 señores mencionados que él, se comprometía a traer el notario que había hecho el documento y un abogado para que diera explicación a la gente, si es falso como ellos lo pronuncian o legal, con las siguientes condiciones: -dice el presidente-, los gastos que se ocasionen los pagan las personas que constan en el documento y si es legal, los gastos que se ocasionen los pagaréis vosotros; puesto que sois los responsables de decir que ese documento no esta bien hecho.
Los comuneros todos quedan satisfechos de las palabras que pronuncia el presidente
"

Esta claro que quen ten a tixola pola man dálle a volta á tortilla e isto é o que pasa coas actas. Daquela, coma hoxe, a directiva recolleu as intervencións que lle interesou e censurou a dos críticos. Que un debate de hora e pico, se resuma tan só en 529 palabras e todas favorables á directiva, di pouco da imparcialidade de quen tiña que dar fe.

Por exemplo nela non poderán ler esta intervención do portavoz dos críticos: "Que veña aquí o letrado, que para iso lle pagamos. A comunidade ten un letrado señores. Ten un avogado, que veña o avogado". Ou por exemplo a resposta dun vogal a esas verbas: "Iso no vale nada hostia. Agora traer o notario, se está ben o papel, pagades vos. Si está mal, págao el (presidente) do seu peto, e... do seu peto".

Se nomeo a intervención deste vogal, é porque anos despois, a súa dona, que daquela non acudía ás reunións e polo tanto, só podía ter unha versión segada do que acontecía, acusoume de ser o culpable de que non se fixera o local. Que se diga que un comuneiro foi quen de paralizar por un feito puntual a unha comunidade de case 300 veciños, di pouco de quen que fixo esa acusación e dos que calaron cando a escoitaron.

O certo é, que a pesar do que consta na acta, XAMAIS trouxeron ao notario e ao avogado a unha asemblea para dirimila verdade, e ningún comuneiro dos que presuntamente quedaron satisfeitos co reto que nos lanzou a directiva, preguntou NUNCA MÁIS porque non viñeron. Todo o contrario, os vogais foron citados á semana seguite para:
  • Tomar acuerdo con los vocales para llevar a cabo la construcción del local social de montes.
  • Tomar medidas por parte de la junta rectora, con respecto a los comuneros críticos..., siendo las tres personas que en ninguna asamblea respetan el orden del día.
Ningún deles, incluído o que cito, preguntou a que era debido a URXENCIA desa reunión, ou que pasaba coa validez do documento posto en cuestión, e co acordo tomado na asemblea xeral. Entre outras cousas incomprensibles, tomaron outro novo que curiosamente tampouco levaron a cabo, e sábese ben por que, pero iso hoxe deixámolo aquí....

Faro de Vigo: O comuneiros de Catoira... Inician un proceso de permuta de terreos para recuperar chan usurpado á comunidade.

xoves, 12 de xullo de 2012

A rocambolesca historia do solar do local (2)


Escoitar aquel día como trataban de convencer aos vogais que non daban crédito ao que lles estaban pedindo, de aprobar de facelo local algo caro pola sinxela razón de que tiña que ser moi ben feito para que cando se vendese non perderse o seu valor, era mirarlles á cara e ollar como esta lles trocaba de cores.

O seu custo, sempre segundo esa memoria presentada en maio de 1994, era de algo máis 27 millóns de ptas (162.273,27 euros). Ao final, como se esta vendo no que fixemos, a suma de gastos sen explicacións segue subindo. Si, foi aquela reunión o que fixo saltala peza.

Un dato que non se pode deixar de lado polo custo a maiores que levou implícito, é que no solar polas medidas e polos estremeiros, non collía o local. Solución, chegar a un acordo co estremeiro para que permitise arrimalo á súa propiedade, e a comunidade permitirlle facelo mesmo se algún día un fillo quería construír. Todo iso supuxo gastos de taxis a Coruña, coas súas correspondentes dietas dos directivos, pagalo documento feito ante notario, o que xerou máis dietas.

Aberta a veda, tocou comprobar se a afirmación feita por aquel vocal de que non se podería vendela leira tiña algo de verdade e aí foi todo unha carreira contrarreloxo. Coma copropietarios da leira, achegámonos ao notario para solicitar copia ou tan sequera poder velo documento de compra-venda, xa que nunca se presentou a asemblea, como era obrigación dos directivos, o mesmo que fixeron os actuais, non presentando no seu día o documento asinado co construtor que fixo o local.

A explicación do notario, deixounos máis perplexos: "vos, aínda que sexades comuneiros, non podedes ver o documento, porque está feito a nome dunhas persoas, que no seu día din que van tela  vontade de doala leira á comunidade".

Aquel notario chamábase José Manuel Rodríguez Casal, dou o seu nome, porque como explicarei e probarei ao final desta historia, a culpa de todo o que pasou con aquel documento botáronlla a el para poder eludir responsabilidades, o que persoalmente me pareceu unha falta de respecto. Nese documento non están as sinaturas de seis menores de idade ou persoas con discapacidade intelectual, se non que no están a de maiores de idade e competentes para entendelo que asinaban.

Se xa andabamos coa mosca trala orella, esas verbas no despacho do citado funcionario publico, nas que non quito nin poño nada que non nos dixese, aínda nos deixou máis preocupados, porque non entendíamos nada. Non se nos había dito e logo aprobado, que se comprar a leira, primeiro para facelo concello o parque infantil, e logo unha vez en poder da comunidade, construír nela o local, en vez de facelo en terreos comunais?

Por sorte, como di un xefe que tiven: "Deus aperta, pero non afoga". Aquel vogal preguntoume se puidera ollalo documento e ao dicirlle que non, díxome: "non te preocupes, fun coma testemuña e podo conseguir unha copia". ...Que errado estaba!
Vía: El Progreso

Os veciños de Friolfe, no municipio do Páramo, estrearán campo da festa en xuño, nuns terreos que están a ser acondicionados pola asociación San Xoán desta parroquia.

A parcela, duns 5.000 metros cadrados, atópase situada xunto ao cemiterio parroquial e nas inmediacións da igrexa románica de Friolfe. Foi adquirida hai uns meses a dous propietarios na cantidade de 21.000 euros, financiada co diñeiro procedente do parque eólico, cuxos aeroxeradores ocupan terreos do monte comunal.

martes, 10 de xullo de 2012

A rocambolesca historia do solar do local (1)

Vía: El Correo Gallego Touro hará un parque en la finca del exalcalde Diéguez

O Concello de Touro destinará á construción dun parque público a leira doada por Isabel Martínez Lamas, viúva do exalcalde da localidade, Ramón Diéguez Reboredo. Así se decidiu no pleno que a Corporación celebrou o pasado día 29. A propiedade, situada no centro urbano de Fonte Díaz, capital do Concello,, conta con 8.542 metros cadrados.

Isabel Martínez Lamas, viúva do ex acalde de Touro Ramón Diéguez Reboredo, decidiu doar ao pobo de Touro unha leira situada no centro urbano da capital do municipio, en Fonte Díaz para que sexa destinada "a dotacións, usos e actividades de carácter público".
O mesmo que en Touro, aquí, en Nebra, unha paisana tamén doara presuntamente á comunidade a leira na que hoxe temos levantado o local, ou iso era o que estaba escrito no documento levantado polo notario... pero tiña máis que truco.

Ben será que comece polo principio. No seu día a xunta reitora aprobara comprar un solar para que o Concello nos construíse un local, en detrimento de facelo en terreos comunais. Nunha asemblea presentase unha lista de solares privados e outro comunal, para que os comuneiros elixiran. A opción foi máis clara que a da xunta reitora: monte comunal. Isto non gustou a algúns vogais, que logo negaríanse a aprobala acta (sic).

Sen unha explicación polo que xamais se comezou a facelo local, a xunta reitora presenta outra nova promesa do Concello, neste caso para facernos un parque público, pero tiña que ser de novo a comunidade, coma sempre, a que puxese os terreos. Como neste caso tiñan que ser céntricos, optase por falar coa propietaria da leira onde hoxe temos o local, para proporlle un troco dos seus 851 m2 por 2.553, como máximo, de monte comunal.

Tempo despois sen saber a conto de que, supoño que para non acatalo primeiro acordo, a directiva preséntalle aos vogais unha proposta para trocalo solar do local e estes, pican e din que, se someta o tema a asemblea e que alí a maioría decida. Era visto que o decidiran os comuneiros por unanimidade a primeira vez, xa non lles valía.

Quince días despois, nesa asemblea convocada ao efecto, comunicáselle aos comuneiros que a mellor opción seria, neste caso, comprar a leira que, con anterioridade habían aprobado permutar para poder facelo parque infantil, en vez de facelo local en terreos propios tal é como se había aprobado antes. O seu valor eran 851.000 ptas., e foi coma o conto da toupeira co sapo, que lle trocou os ollos polo rabo, e iso que daquela ninguén sabía o "rabo" que traería esta fatal e presuntamente rebuscada aprobación.

De novo silencio administrativo, até que ano e pico máis tarde, a xunta reitora decide aprobala construción do local con fondos comunitarios compatibilizada con unha subvención da Deputación e non houbo outra explicación da promesa incumprida do Concello. A sorte quixo que uns comuneiros acudísemos a esa reunión e chocounos que se falase de construílo local, pero con visos de poder vendelo algún día se a comunidade desaparecía. Nós non podíamos intervir, pero estaba claro que non nos gustaba o que alí se falaba, e menos, cando un vogal afirmou que no documento feito ante notario, o solar xamais se podería vender. Como se podía pensar en vendelo local, incluso antes de poñelo primeiro ladrillo, se non se podía vendelo terreo onde se ía construír?

Continuará...