sábado, 7 de diciembre de 2013

A Cañiza: A unión fai a forza

Fai tempo que non visito os nosos porcos?, mais polo que comentou un veciño a cousa non pinta ben, xa que o día que pasou por alí non tiñan penso. Como comentei noutra entrada, a última vez que pasei tamén tiñan o silo baleiro.

Falando con outros veciños, a maioría lembrase das verbas de Luís de Carantoña ao presidente «Santiago os nosos montes non son coma os de Lugo e Ourense, ali teñen landras e castañas para comer».

Aquí o máximo que puideron aproveitar foron as castañas do souto que nos legou o finado de meu tío, José do Patrón. Ollando a zona, que poden comprobar nas fotos, parece que pasan dos fieitos e onde están, dos toxos



Faro de Vigo: A Cañiza aposta polo porco celta

A Comunidade de Montes de Petán utiliza 1.200 parcelas dos seus veciños para a súa explotación porcina a cambio de manterllas limpas de maleza

A Comunidade de Montes de Petán, na Cañiza, dedica 90 hectáreas (propias coa suma de 1.200 parcelas particulares) a unha explotación de porco celta. Actualmente, contan con 15 cabezas reprodutoras, un macho e 117 crías. A súa pretensión é seguir crecendo e chegar a asumir a comercialización dos exemplares que agora fan a través de Asoporcel. A produción existente en Galicia non é suficiente para cubrir a demanda rexistrada.

O xamón é o símbolo da Cañiza pero, desde fai algo máis dun ano, a localidade conta con outro destacado referente porcino: o porco celta.

Primeiro foi un particular e despois a Comunidade de Montes de Petán continuou a súa senda. Leva desde marzo de 2012 criando porcos na súa propia explotación. Para iso, chegou a un acordo con propietarios de parcelas lindeiras, e a cambio de manterllas limpas de maleza, pastan nelas os seus porcos. Comen landras, castañas e raíces, que despois dous traballadores contratados pola comunidade de montes, completan con cereais.

En total son 90 hectáreas, divididas en seis parcelas nas que crían, actualmente, a 15 reprodutoras, un macho, 64 porcos de oito meses e 53 de entre un e tres meses. "As porcas paren cada catro meses e de momento apenas hai baixas, é unha raza que se adapta moi ben á contorna, é moi duro", apunta José Antonio Castiñeiras.

No entanto, o seu obxectivo é ampliar a súa explotación, coa intención de chegar a xestionar eles mesmos a comercialización, un paso que actualmente fan a través da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel).

Ao ser cría extensiva, ao aire libre en lugar de en granxa, é unha carne máis valorada. Aos comuneiros páganlles a 3 ó 3,50 euros o quilo, mentres que a raza branca págase a un euro o quilo, aproximadamente.

Cren que é un negocio con futuro e a súa explotación, con 1.200 parcelas de particulares, é, segundo aseguran, a máis importante de Galicia xunto coa de Beariz, en Ourense. "Non hai suficiente produción para atender toda a demanda existente en Galicia, por iso tampouco podemos cubrir a alta demanda que chega doutros países do mundo", comenta Castiñeiras.

O éxito do seu sabor débese a que "carga máis de graxa pero esta é infiltrada no magro e, por iso, é tan saborosa, parécese máis ao ibérico", explica o presidente dos comuneiros de Petán.

No hay comentarios: