viernes, 6 de diciembre de 2013

En Ourense non o sei, aquí fixérono sen ton, nin son

Non sei se tivo algo que ver a "ideoloxía do exconselleiro Suárez Canal e do seu curmán, o presidente da comunidade", mais a verdade é que entre os dous, pola súa "xeta", aquí quedaránsenos con parte das nosas terras. Por certo, non teño constancia de que a outros cidadáns lles fixeran o mesmo, polo que cada vez que me lembro dese roubo, pregúntome, por que a nós? E saben que? O peor de todo foi que nin desculpas pediron.

Tampouco sei se ese panfleto foi o suficiente para mandalos á oposición ou en realidade foi o desencanto dos votantes. Realmente cústame asimilar que digan que perderon as eleccións por esas "trapalladas" da oposición. No caso da miña familia saben ben porque perderon máis dunha ducia de votos. Porén perder 74.357 votantes, foi todo un "varapau".


Real Academia Galega: Sen ton nin son, Sen motivo ou causa, ás toas
Praza: Adopta a Xunta a política agraria "da Unión Soviética"?

Febreiro de 2009. Faltan apenas tres días para as eleccións ao Parlamento de Galicia e representantes do PP na provincia de Ourense distribuían un panfleto encabezado por unha pregunta ante a que só cabía unha resposta: "Queres quedar sen as túas fincas?". "O PSOE e o BNG queren quedar coas túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". "Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras", aseguraba o pasquín, no que non figuraba sinatura nin logotipo ningún e onde, xunto ás proclamas, se podían ler varios artigos da Lei do Banco de Terras. Os conservadores axitaban deste xeito o argumentario estreado dous anos antes para opoñerse a unha das medidas centrais da Consellería de Medio Rural dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, medidas que agora, cando menos en parte, asumen como propias.

O controvertido panfleto desenvolvía, plasmaba, entre apelacións á propiedade privada e erros gramaticais, as duras críticas lanzadas durante a tramitación da lei do Bantegal, no ano 2007. O daquela voceiro popular de agricultura e actual subdelegado do Goberno central en Ourense, Roberto Castro, consideraba que a normativa do bipartito non era propia de Galicia, senón "da Unión Soviética". Suárez Canal só pretendía "confiscar as terras e nacionalizalas", afirmación que sustentaba na "ideoloxía do conselleiro". O Bantegal tiña que ser freado por supoñer un "atentado contra a liberdade" que ía situar o país nunha conxuntura propia da "Rusia post tsarista" como paso previo á "expropiación de terras".

Incorporación "de oficio"

Este xoves, case un lustro despois daquela durísima campaña electoral, Alberto Núñez Feijóo compareceu tras o Consello da Xunta coa actual titular de Medio Rural, Rosa Quintana, para presentar os trazos fundamentais da futura lei de estrutura agraria, unha norma que incluirá entre os seus preceptos o que hai media década o partido que agora sustenta o Goberno vía propio dunha horda bolxevique. O que antes era presentado como un ataque á liberdade amósase agora como unha vía para a "loita contra o abandono" das terras, "un esforzo de loita contra o abandono no rural" que se traduce na posibilidade de que a Xunta, "de oficio", poida forzar a incorporación de predios ao Banco de Terras.

As persoas propietarias de terras abandonadas terán que optar por traballalas, alugalas ou cedelas ao Banco de Terras

"O texto permite a declaración de determinados perímetros de fincas como fincas abandonadas", resume Feijóo. "Referímonos a determinadas fincas que estean en grave risco de incendio, que xa fosen obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas expropiacións lindantes", di. "Poderase non só actuar sobre parcelas individuais, senón declarar perímetros de actuación no caso de que se dean determinadas circunstancias", abonda Medio Rural. E, en que consistirá esa actuación? As persoas propietarias terán, forzosamente, que "optar" por "traballar" os terreos e "poñelos en produción, arrendalos a terceiros ou incorporalos ao Banco de Terras".

No caso de que non se poña en práctica ningunha destas tres vías, Rosa Quintana advirte de que se contempla un réxime sancionador, outro dos aspectos máis criticados polo PP na oposición. Así, non traballar, nin alugar nin ceder o predio ao Bantegal implicará a aplicación das multas que xa prevé a Lei de Mobilidade de Terras -tamén promovida polo gabinete Feijóo- e que vai dos 300 aos 3.000 euros.

Eleccións ao Parlamento de Galicia: 2005

Partido Popular (PP)Manuel Fraga 756.562 45,81 37 -4
Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE) Emilio Pérez Touriño 555.603 33,64 25 +8
Bloque Nacionalista Galego (BNG) Anxo Quintana 311.954 18,89 13 -4

Eleccións ao Parlamento de Galicia: 2009

Partido Popular (PP) Alberto Núñez Feijoo 789.427 47,4738 +1
Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE) Emilio Pérez Touriño 524.488 31,54 25 =
Bloque Nacionalista Galego (BNG) Anxo Quintana 270.712 16,28 12 -1


Sermos Galiza: 40 expertos forestais ou os 40 ladróns da cova de Alí Babá

No hay comentarios: