viernes, 7 de junio de 2013

Explotación porcina da Comunidade

Explotación porcina da CMVMC de Nebra

O domingo visitei por primeira vez os cochos que temos na explotación e aínda que previamente recollera impresións pesimistas dalgún vogal e comuneiros, teño que recoñecer que non esaxeraban, e que isto viña a darlle a razón a Luís, o único comuneiro que en maio do ano pasado dixo que o noso monte non era tan apropiado coma os de Lugo e Ourense, para crialos. Isto puidémolo comprobar cando visitamos a explotación de A Cañiza.

Outra cousa que me comentaron, e que tamén lembro, era que ían vir 150, mais polo visto só trouxeron 50. Para non molestalos demasiado, tampouco me parei a contalos, porén dende logo a cantidade prometida e comprometida, queda lonxe.

Grazas a un presidente que tivo visión de futuro, plantou neste entorno un souto de castaños, mis aínda que estivese en plena produción dubido moito que soportase máis carga de animais. Cando falamos dunha inversión destas características, o primeiro que temos que ter claro e que non podemos improvisar. E esta é a sensación coa que me quedei ollando o que hai, e xa non falo de como se aprobou.

Outra cousa seria que tras o desastre do 2006, aproveitásemos por buscarlle outra utilidade ao monte, plantando carballos e sobreiras, polas landras, castaños etc, en vez de plantar de pinos novamente, como fixeron en zonas, como teño criticado que, naceron solos como na chusma. Outra solución, para non depender tanto do penso, seria facer coma eses veciños de Lebozán que poden ollar na ligazón.






La Región: A falta de cultivos para cebar porco celta frea a súa expansión

A Festa do Porco Celta de Beariz cumpriu sete anos, tantos como ten a explotación porcina promovida por un grupo de veciños, que poboou os montes de Lebozán con estes animais.

A saborosa carne desta raza autóctona galega compraceu onte aos centos de comensais que deron boa conta da empanada de porco celta, chourizos con bolos (unha masa de millo cocida en auga) e carne á brasa con patacas, entre outras viandas. O pregoeiro, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral dá Emigración, na súa exaltación do porco celta expresaba o seu recoñecemento «ós que impediron a desfeita da súa desaparición» e apuntaba que «Beariz sae con letras de ouro non mapa gastronómico de Galicia».

A explotación Sat Oural, que conta con sete socios, vendeu durante o pasado ano un total de 270 porcos. Unha parte foi adquirida por Asoporcel (Asociación de criadores de gando porcino celta) do que é vicepresidente José Balboa Rodríguez, concelleiro en Beariz e principal impulsor desta iniciativa. Balboa sinalaba, non obstante, que a maior parte da produción anual véndese á empresa Embutidos Lago de Carballiño, que distribúe para toda Galicia. Balboa recoñece a necesidade de ampliar a explotación, porque «só podemos atender a demanda interior, pero gustaríanos iniciar a exportación». Con todo, sinala que para iso é imprescindible dispor de cultivos na zona, porque cando hai que comprar fóra: remolacha, herba, cabazas ou millo, porque o que hai no campo non é suficiente, suponnos un gasto mensual de 15.000 euros». A falta de cultivos na contorna, «é o principal obstáculo ao que nos enfrontamos para a expansión», puntualizaba.

Os comensais degustando os pratos de porco celta no pavillón deportivo de Beariz.
(Foto: MARTIÑO PINAL)



No hay comentarios: