sábado, 21 de julio de 2012

Loitar polo monte e bens comúns é un dereito de tod@s

Igrexa parroquial de Ove-Ribadeo
Se un directivo, un comuneiro, ou xente allea a unha comunidade, a sabendas ou por ignorancia «Ignorantia juris non excusat» intentan apropiarse de monte ou bens comúns, a obrigación do resto de directivos é denuncialo feito ante a asemblea xeral, e de non dar resultado, no Xulgado. Cando estes non cumpren co seu cometido, ben por familiaridade, intereses ou desidia, a Lei permite que sexan os propios comuneiros os que poidan exercer a acusación particular e tamén, se a reclamación é favorable aos intereses da comunidade, ou non, poder recuperalos gastos que iso lle causou.

Tamén pode acontecer que algúns comuneiros teñan coñecemento desas presuntas irregularidades cometidas por directivos, pero por esas afinidades, ou ben por non querer arriscalo peto, calan. Mais logo cando alcanzan a directiva, impiden, neste caso porque xa manexan fondos da comunidade, que os comuneiros que si loitaron non poidan cobrar o que lles corresponde, ou pretendan marcarlles a indemnización. Iso xa ten acontecido en moitos sitios, incluso onde algúns cobraron sen demostrar nada. Aquí tamén pasou.

Non val a pena tirar demasiado das hemerotecas, mais déixolles unha pequena mostra. Seguro que hai moitos máis, mais a maioría como ninguén as denunciou xa prescribirían. Os comuneiros deberían ser conscientes que cada euro que é detraído de xeito irregular por algúns directivos, vai en prexuízo de todos, da propia comunidade e de futuras inversións.

Dicíao nos anos 80 e 90 e sigo manifestándoo, é unha magoa que a inxente cantidade de fondos que manexan as comunidades de montes, en moitos casos provinte de subvencións, ou arrasando tamén o monte que foi plantado con cartos públicos, para facer obras que tiñan que ser privadas, non sexan fiscalizadas por un organismo oficial.

É demasiado doado manipular: documentos, presupostos e aos comuneiros, primeiro aproveitándose da súa ignorancia e segundo, aínda que ollen ou sospeitan que pasa algo, prefiren pasar do tema antes que buscarse inimizades ou problemas. Noutros casos abonda con que lles fagan un reparto de fondos, para calar as poucas voces discordantes.
La Voz de Galicia: A Comunidade de Montes de Ove gaña o xuízo pola titularidade de dúas leiras

A Comunidade de Montes en Man Común Santa Cruz e Capela de Ove, en Ribadeo, volveu a gañar o xuízo, esta vez na Audiencia Provincial, sobre a titularidade de dúas leiras que reclama. A súa extensión é de 47.000 metros cadrados e nunha delas atópase situada un serradoiro e unha nave industrial cunha explotación de compra e venda de madeira. O fallo pódese apelar ante instancias superiores, pero de ratificarse finalmente poderíase xerar unha situación de consecuencias insospeitadas para o Concello, xa que o titular da empresa madeireira podería reclamar unha indemnización a quen vendeu a leira, que en última instancia, remontándose no tempo, foi o Concello de Ribadeo.

A Audiencia Provincial acaba de ratificar o fallo que emitiu o xulgado de Mondoñedo o pasado mes de abril, estimando a reclamación de Gonzalo García Marcos, presidente da comunidade de montes, contra o Concello de Ribadeo, Madeiras Cer S.A. -a antiga titular do serradoiro-, Madeiras Santa Cruz , BBVA, Banco Pastor, Fidel Basandre Lodos, María Luisa Guerreiro García, Román Rodríguez Fernández e Alicia García Basante. Dese modo recoñécese que dúas leiras segregadas forman parte do monte veciñal e, en consecuencia, pertencen á comunidade de montes.

Desde 1925 as leiras en cuestión atópanse inscritas no rexistro da propiedade de Ribadeo, a proposta do Concello. Foi este quen en 1974 segregou parte e vendeullas a Madeiras Cer S.A. En 1980, o xurado Provincial de Montes clasificou o monte de Santa Cruz e A Capela. O Concello recorreu, pero finalmente se avino e en 1997 recoñeceu o carácter veciñal dos montes, dándoos de baixa no inventario municipal.

A sala, que cualifica de rechamante e criticable que a comunidade esperase ao ano 2002 para reclamar a titularidade das leiras, di que é consciente das importantes consecuencias xurídicas do fallo, pero aclara que non hai dúbidas sobre a titularidade, pois ata a venda a Madeiras Cer S.A., as parcelas foron obxecto de aproveitamento exclusivo polos veciños de Ove.

García Marcos expresou a súa satisfacción pola noticia e reiterou que sempre confiou na Xustiza.
O presidente dunha comunidade de montes, no banquillo acusado de falsificar uns cheques

José Castro devolveu onte 50.000 euros aos comuneiros de Monteferro

O xulgado de Caldas investiga unha denuncia de comuneiros de Fragas por apropiación indebida
O presidente ignora o conflito e convoca unha asemblea para aprobar as contas.

Comuneiros de Couso detectan un «buraco» de 558.000 euros e denunciarán ao seu ex-presidente
Acusan ao anterior responsable de ter duplicado o custo da traída de augas

No hay comentarios: