miércoles, 16 de mayo de 2012

Resumo asemblea 13 de maio (1)

Esta é a miña visión particular de como transcorreu a asemblea do domingo. Así como foi longa e tensa contra o final, véxome na obriga de resumila en varias entradas.

Dáse lectura a acta anterior e como ninguén intervén, a directiva dáa aprobada por consentimento... cando as actas para ser aprobadas teñen que ser asinadas polos comuneiros e comuneiras presentes.

De seguido a vice-presidenta vai nomeando por aldea aos comuneiros e comuneiras que compoñen o censo do ano en curso. Só se produce a intervención dunha comuneira da Igrexa, por haber mal-interpretado o nome doutra comuneira, estando ben recollido no borrador. Sen outra incidencia, aprobase por asentimento... non houbo votación.

A tesoureira foi a encargada de ler literalmente o informe económico (foto arriba), do que se entregaron copias a varios comuneiros e comuneiras. Tampouco nesta ocasión houbo votación, de feito na Orde do Día até eludiron esa mención. Poño un exemplo sinxelo, no Concello hai que votar tódolos puntos, a pesares que de antemán presuponse o voto de cada edil: Os do PP e AVS votan as súas propostas de goberno en conxunto ou tiran as da oposición. PSOE e BNG tamén votan as súas, que nalgunhas ocasións poden coincidir, como tamén pode haber unanimidade do Pleno.

Aclarado isto, salvo os pagos de administración que xa se xustifican, o resto si que cumpría dar máis información, tal e como se facía noutros tempos.

Así encontrámonos con pagos de traballos, que pola súa contía, tiñan que ser aprobados nuns casos pola xunta reitora e noutros pola asemblea xeral. Dado o escurantismo que hai das súas reunións, que segundo vogais nin eles mesmo reciben información do que fan os directivos, lémbrolles que na primeira asemblea xeral que se celebra teñen que dar conta deses acordos. A xente, sobre todo os que presumen de ser máis listos que ninguén, desculpo aos que non teñen esa preparación, creen que cando expuxen as actas publicamente era algo que me sacaba da chistera e non era así, estaba cumprindo estritamente a lei.
Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Artigo 46.- Xunta reitora.
3.- A xunta reitora dará conta á asemblea xeral, na primeira sesión que se celebre, dos acordos adoptados.
Se os traballos que non superaron os 1.200 € foron aprobados pola xunta reitora, ben, nada que obxectar, salvo que algúns, aínda que de menor contía, excepto como digo antes os de administración, fosen aprobados só polos directivos. Os que superaron esa cantidade por OBRIGACIÓN tiñan que ser aprobados previamente pola asemblea xeral, se non, estas convertesen nunha burla aos comuneiros e comuneiras ao non ter poder de decisión, como nos esta pasando, converténdonos nunhas meras comparsa da directiva.

Relación de gastos da que directivos doutras comunidades, con más sentido común, poderían ter problemas, aínda que, e non digo o contrario, estean todos debidamente xustificados, pero a lei é a lei, aínda que o xenro do Rei se poida zafar. Como no banco temos cartos dabondo e non é preciso recorrer a cretos que tivésemos que avalar os comuneiros, desentendese todo o mundo, se non, xa veriades como outro galo cantaría.


Moi interesante a charla do representante da Asociación do Porco Celta, que poden ollar integramente aquí: Planificación dos sistemas produtivos con Porco Celta ó aire libre. Lugo 17 de outubro de 2009.

Non sei o que lle pareceu a directivos, comuneiros e comuneiras pero a min deixoume claro que os porcos, como a xente, precisan comer tódolos días e que ao contrario que a herba ou a verdura, o penso hai que compralo e pagalo no intre. Tamén hai que saber que se son para consumo, teñen o seu ciclo biolóxico. Máis diso é un custe innecesario, salvo que os manteña outro.

Outra páxina sobre criadores de porco celta, por se alguén gusta: Asociación Amigos do Porco Celta: Costa da Morte

No hay comentarios: