viernes, 18 de mayo de 2012

Resumo asemblea 13 de maio (peche gandeiro)

O punto para construción de novos peches para o gando tiña gato pechado, por sorte algúns comuneiros sabían máis do que o presidente ía debullando e levantaron a lebre.

Recapitulemos. Afirmou o presidente que pretenden facer dous peches, un dende a divisoria coa comunidade de montes de Goiáns-Portosín, que tería arredor de 300 Has., e outro, dende o Rego da Fagía ata Campo Madeiro, quedando este sobre unhas 100 Has. Serían construídos polos propios gandeiros e a cesión seria só por cinco anos. Rematado ese tempo a comunidade pasaría a ser dona de todo. Ben. Segundo ía falando, afirmaba que tiña sobre a mesa un contrato baseado en catro folios.

Os gandeiros nun principio terían que facer e costealo peche, e despois, supostamente a Xunta de Galicia aboaríalles os cartos. Sempre segundo ese contrato, os gandeiros comprometíanse a facer traballos para comunidade cada tres meses, que consistirían en poñer un día de pa para reparar quilómetros de pistas e cunetas -escribo tal cal escoitei, pero parecíanme moitos quilómetros de Deus-. O presidente para enfeitizar máis as súas palabras, poñíase como garante de que el mesmo, xunto coa xente do Distrito IV encargaríanse de reclamarlle o cumprimento do acordo.

Quen sempre di a verdade, pode permitirse ter mala memoria

Por que temos que crerlle agora, cando no 2006 gastou miles de euros en algo que unha empresa nos tiña que facer gratis? Abandono de responsabilidades

Permítanme que dubide que se houbese un incumprimento de contrato a Xunta fose a valedora, cando agora mesmo quere deixar de facer os deslindes dos montes veciñais, como viña facendo ata agora gratis e sen que fixese falta recorrer á Xustiza. O tempo dará ou quitara razóns.

Onde non vimos moita moita lóxica, tanto un vogal coma eu, foi cando dixo que aínda que fagan os peches os donos dos terreos somos nós -obvio-, pero que se unha vez rematados decidimos facer unha plantación, no poderían usalos nos primeiros catro anos. E claro, aquí ben a pregunta, quen se arrisca a facelos para que despois lles digamos que de momento non poden usalos? O de que ao final do contrato o peche pasa a ser propiedade da comunidade tamén é obvio porque así o contempla a lei. A min, que queren que lles diga, persoalmente paréceme moita inversión para unha cesión de só cinco anos.

Pepe, un comuneiro do Campo, pide a palabra para acusar ao presidente de falar antes cos gandeiros que cos comuneiros, aos que di representar. Afirma que sabe que xa ten un contrato e nun intre o presidente dúbida, pero como antes o afirmara, rectifica e di que o ten na mesa para quen o queira ollar, pero que aínda non esta asinado (sic). Ángel da Perdigueira, tamén intervén para dicir que non ve nada claro iso, e que el xa sabía todo por medio doutra xente de fora da parroquia e que non lle parecía normal que o soubesen antes todos que nós -os comuneiros-. No debate entendese que o presidente ten un compromiso con algún ou algúns gandeiros, pero en ningún intre di os seus nomes.

Dado que no medio desa zonas atópanse propiedades, quedarían dúas opcións: Chegar a un acordo cos donos, permitindo o pastoreo ou delimitalas con outro valado. Se optasen pola segunda opción, dou pe a que Antonio, un veciño de Resúa, preguntase se nese compromiso de reparalas pistas, en xusta reciprocidade, se podería incluílos camiños de acceso a estas propiedades. Tivo que facer varias veces a pregunta porque o presidente a cada intervención dicíalle que no entendía, para logo responderlle con evasivas.

No medio de todo isto tamén intervén Chus, comuneira da Igrexa, que inquire ao presidente a que viña traer tantas propostas as asembleas, se despois non acataba o que se aprobaba. Estábase referindo a que nesta asemblea habíase aprobado estudar un plan de viabilidade para o toxo, comprometéndose o presidente a invitar a Ramón Lourido a darnos unha charla para contarnos a súa experiencia.

O presidente máis que dar respostas, entendo que buscou evasivas, xa que por unha parte díxolle que o problema era que había que decidirse que tipo de compost queríamos facer: para hortas, xardíns, etc; que o custo sobresaia as posibilidades da comunidade; que se había que comprar unha pala; un tractor, etc, etc. Non me pareceron respostas convincentes, porque iso xa o tiña que saber antes de levala proposta e non andar a improvisar.

Coñecendo a forma de redactarse as actas é difícil predicir que vai vir recollido do debate deste punto, pero unha cousa téñoa clara, dado que non houbo votacións... non poden afirmar nela que este punto se aprobou entón estarían cometendo unha grave irregularidade. Unha cousa é silenciar nelas a voz dos comuneiros e outra dar fe do que ninguén presenciou, nin votou.

No hay comentarios: