Mostrando entradas con la etiqueta Concello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concello. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de julio de 2012

Os "curmáns" si que somos nós

En amarelo, a pista reparada
No pleno do 26 de abril, onde se debatían os presupostos municipais, entres outras cousas o equipo de goberno do Concello parece que decidiu repoñelas fiestras do Colexio Santa Irene con fondos municipais, e arranxar un muro no Outeiro, obtendo os reproches do BNG.

Así lemos nas páxinas 14 e 15 da acta do pleno:

Dª. María Ánxela Franco Pouso di que vai ler algunhas das obxeccións que se lle fixeron ao orzamento de 2011, non obstante, indica que o goberno ten maioría absoluta e aprobará o que queira...

Doutra banda, comenta que o orzamento é discriminatorio para as parroquias, pois o maior investimento faise no Colexio Santa Irene, e preguntase se a Xunta de Galicia toma ao goberno de Porto do Son por "primos", pois esa actuación é a única con participación da Xunta de Galicia que se recolle no orzamento.

Manifesta a voceira nacionalista que hai cousas no orzamento que asombran, como o arranxo dun muro no Outeiro, que descoñece se ten que asumir o concello, e que, co custo que ten, de non facerse permitiría a gratuidade da "Movida urbana"...


O feito de que mencione o partido do presidente, é porque cando era militante, antes dos plenos debatiamos a estratexia a defender, polo que agora non entendo que no concello defendan unha cousa, e na comunidade, a súa xente, non predique co exemplo.

Ao contrario que o equipo de goberno, que ten maioría absoluta, a xunta reitora ten máis limitacións. Unha delas é que non pode gastalos "nosos" cartos en espazos que non sexan competencia da comunidade, salvo que sexan aprobados pola asemblea xeral. As pistas da parcelaría, por moito que foran construídas sobre terreos dos veciños de Nebra, son un claro exemplo, por iso non entendo a veu que decidiran reparala que sube á Belga por Portofoloña con fondos comunitarios, detraéndoos doutras necesidades perentorias.

Como se pode ver na convocatoria da derradeira asemblea, nin sequera ven engadida na Orde do Día, e tampouco nos comunicaron a súa inminente reparación. Feito que non se lle escapou aos que me advertiron de dita actuación, preguntándose a maiores se este proceder tería algo que ver con que no entorno estee un peche gandeiro.

Con eses 6.000€ que presuntamente parece que lle sobraban? ao presidente, debeu investilos nas pistas que nos competen e aquí van algúns exemplos. Ao contrario desta que non estaba mal, xa que se podía circular perfectamente, de feito fíxeno semanas antes de reparala, nalgunhas do monte dificilmente se poder acceder incluso con un 4X4, coa necesidade de que o seu entorno ten moito que defender en caso dun incendio.
22 Xuño 2012

jueves, 21 de junio de 2012

Por que agora si, e antes non?

Este é un exemplo do que quería dicir aquí. Para matizar ben a miña posición, teño que retraerme uns anos co que poder amosarlles o que para min é a dobre vara de medir dalgúns, que na oposición moito non a todo e no goberno, si a todo.

Nos anos 90, o Concello e a Comunidade de Montes de Baroña estableceron un convenio polo cal acometeron a medias unha serie de melloras en varias pistas da parroquia, ancheándoas e canalizando as augas pluviais polas cunetas.

Por aquel entón no BNG criticamos ese tipo de actuacións, porque considerabamos que eses traballos eran competencia do Concello, xa que para iso pagabamos o imposto de circulación. Quen non se lembra como mentres as rúas de O son e Portosín eran cimentadas por empresas, as "lameiras" das nosas aldeas fórono grazas ao traballo dos veciños e veciñas e aos pinos do monte? Tamén é verdade e non o podo negar, que nalgunhas ocasións o Concello dounos gratis? algúns sacos de cemento.

Nesa mesma época, outra xunta reitora aquí tamén quixo facelo mesmo, concretamente na pista que vai da Igrexa a Ieste. A súa intención era, igual que se observa nas fotos, colocar tubarias ao longo do traxecto para que deste modo quedase máis ancha, e os peóns, camiñar máis seguros. Aqueles directivos aos que tamén tanto critiquei, neste caso actuaron máis democraticamente que estes, porque levaron a proposta a unha asemblea.

Os comuneiros puidemos debatela e moitos mostraron o seu rexeitamento, advertindo ao resto do trato discriminatorio que había nas parroquias do rural con respecto ás "capitais", de aprobarse a medida. Agora de haber xente que pensase o mesmo que daquela, xa non tiveron a posibilidade de poder expresarse. Tanto en segredo o levaron, que na asemblea do 13 de maio nin tiveron a decencia de informar do que pretendían facer. Dun día para outro apareceron os tubos amoreados e moitos pensamos que eran para o saneamento. Despois comezou a circular o rumor de que era para sacala auga da estrada, algo ilóxico, xa que á entrada de Cornido temos peor problema xa que alí si que cruza toda estrada.

Se ese fose o verdadeiro motivo, dado que a estrada pertence á Deputación, o normal sería mandarlle un escrito solicitándolle a limpeza das cunetas, tal e como acometera no mes de outubro incomprensiblemente dende o Empalme até o cruceiro de Pouso.

Presuntamente a escusa non foi esa é até aquí quería chegar, porque despois de tanto criticar o que facían outros, observo que faise o mesmo ou peor. Quen buscou do Concello a mesma colaboración que naqueles anos xuntos rexeitabamos, foi o presidente. O motivo esgrimido para solicitalos tubos e poñela man de obra a comunidade, foi que, segundo el, presuntamente os comuneiros queixáronselle da falta de aparcamentos (sic). Que haxa xente que se queixe agora da falta de aparcamentos en Nebra é de...

Por certo, a pesar da alternancia que houbo de gobernos na Deputación, ningún foi quen de levar a cabo aquel vello proxecto de reformala estrada e dotala de beirarrúas. Será que nas promesas incumpridas, é onde se asemellan tamén por igual tódolos políticos? 

domingo, 6 de mayo de 2012

Grazas Luís

Sentado no pousadeiro das sellas
Sei que che vai no soldo, en realidade vaivos a todos, pero despois de agardar tantos anos porque se-lle devolvera a salubridade e dignidade a esta fonte, é o mínimo que se me ocorre.

Hai un dito castelán que di: «Las cosas de palacio siempre van despacio», que alguén se encargou de apostilar... «Pero, por lo menos, van». Esta é a sensación que saquei onte cando un amigo me chamou para comunicarme, que de momento non me preocupase nunha tempada pola fonte de O´Caldeirón e mailo seu lavadoiro, que por fin, e non era sen tempo, o Concello había decidido acondicionala.

Pois ben, así como te critiquei aquí o 19 de marzo, que botaba en menos a promesa que me fixeras de acometela súa limpeza o máis axiña posible, hoxe téñoche que devolvela conduta... porque polo menos cumpristes... non coma outros. Vexase: Promesas incumpridas e rehabilitación de fontes.

No meu descargo teño que dicir que en principio a miña petición fixéracha para que retirases a lama que atoaba o aliviadoiro e impedía achegarse a beber sen enlamarse e cando fose posible, acometer o resto da obra. Supoño que as túas razóns, xunto co teu equipo, terías para actuar así, algo que dende fóra moitas veces igual non entendemos.

É certo, ou polo menos tocoume ollalas, que dun tempo a esta parte estanse acometendo infinidade de obras menores que estaban un pouco da man dos deuses, e a cuadrilla encargada de facelas é a que é, ademais de saber que fai pouco tempo que se contratou.

Dende fóra diranme, é logo sendo de Quintáns como te preocupastes dunha fonte tan afastada? Nunha entrada xa o comentei, nacín nesta aldea e de pequeno achegábame alí a beber, ademais de ser un dos centros de reunión de xogos «outro era a costa do carballo cos carros de freos», xa que acompañaba á miña nai e tía ao lavadoiro; á miña avoa, sobre todo cando ía lavala tripas do porco, e na súa contorna, foi onde descubrín as primeiras píntegas "tritóns", salamántigas e ras.

Con todo isto sabes que segue habendo máis fontes, que a maioría sen estar no pésimo e lamentable estado que estaba esta «as fotos son explicitas», precisan de pequenas melloras. A lista que me amosaches era grande, mais supoño que pouco a pouco irédelas acometéndoas. Tamén sei que non están os tempos para tirar foguetes, pero é que as parroquias tamén formamos parte do Concello.

Fonte de O´Caldeirón



Cando a administración non cumpre co seu cometido, a veces teno que facer o pobo. No seu día, a extinta? Asociación polo Futuro de Nebra (AFUNE), decidiran limpar estoutra fonte e lavadoiro na aldea de Puilla. Ao final só apareceron dous, e por riba, os méritos levoullos unha veciña.