Amosando publicacións coa etiqueta CMVMC de Reboreda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CMVMC de Reboreda. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de outubro de 2012

Está visto que hai dous tipos de xustiza

Se o concello de Redondela ten que pagar agora esta multa, aínda que recollese a broza que tirou sen autorización no monte da comunidade de Reboreda, canto tería que pagarlle a Xunta do bipartito e o presidente da Comunidade de Montes de Nebra, a meu pai por cruzarlle ilegalmente o seu agro con esta pista?

Iso por unha parte, e pola outra, por levarlle por diante toda madeira que tiña nese espazo, cando todos sabemos que el para cortala, aínda na súa propiedade, tería que pedir autorización a Medio Rural, se non quería que lle caese unha sanción.

Aquí sen embargo como Perico pola súa casa, arrampláronlle con todo e metéronlle a pista polo medio e non pasou nada, porque claro, non foi o PP, foron os que dende fai seis anos veñen facelo "paripé" a Cans.

Din que veñen a honrar a uns labradores, pero ven que foderon a outros. Isto son as incongruencias dalgúns que xogan a políticos. Eles dirían que foi cousa de fascistas, eu como son máis respectuoso, non o digo, aínda que o pense.
Faro de Vigo: A vertedura sen permiso de terras en Reboreda custaralle 80.000 euros ao Concello

A recente polémica por unha vertedura de terra e broza nun monte da parroquia de Reboreda vaille a custar 80.000 euros ás arcas públicas, posto que é a sanción administrativa que lle vai a impor o Seprona ao Concello por incumprir a normativa vixente, e non solicitar o permiso por escrito a Medio Rural. Ademais esta lexislación obriga ao Concello a retirar as verteduras, algo que xa realizou o pasado día 4.

Desde a agrupación local de Esquerda Unida condenan a "neglixencia política" do concelleiro de Vías e Obras, Cándido Vilaboa, e a "reiterada falta de cultura medio ambiental" do goberno local. Ademais destacan neste caso o agravante do prexuízo económico para as arcas municipais.

Esquerda Unida solicita unha comisión de investigación para que se depuren responsabilidades sobre os feitos e esixirán a dimisión de Vilaboa. Ademais, desde a formación expresan o seu apoio á xunta directiva da comunidade de montes.

xoves, 11 de outubro de 2012

Rectificar é de sabios

Agro atravesado ilegalmente con unha pista polo bipartito da Xunta,
incomprensiblemente sen acceso dende ela
Como sabedes os que me seguides, nestes días saltou á palestra a cacicada cometida polo Concello de Redondela (PP), na comunidade de Reboreda. Felizmente todo se resolveu satisfactoriamente para os comuneiros, xa que o concello rectificou e retirou todo o material que depositou ilegalmente no seu monte.

Non sei se foi como apuntan no blog que partillo, porque son tempos electorais ou polo temor a enfrontarse a unha denuncia que terían perdida de antemán. O que si sei, é que aquí, fai seis anos cometeuse outra cacicada moito peor (BNG, PSOE e presidente da comunidade), e: non pediron perdón; non se dignaron a contestarlle a meu pai, o agraviado e desposuído parcialmente da súa propiedade; non lle levaron á casa ou aboaron os eucaliptos que levaron por diante e a día de hoxe, esa pista que lle atravesa a propiedade, non lle serve de nada, xa que non pode servirse por ela. Servizo para todos, menos para el.

Claro que meu pai non contou coa colaboración inestimable do presidente da ORGACCMM, ou como é o caso agora do PSOE de A Pobra, por outra presunta cacicada, cometida, claro esta, por outro concello gobernado polo PP. Ollase que se ve mellor a palla no ollo alleo, que a viga no propio: Veciños de Pobra do Caramiñal arroupados polo PSOE denunciaron hoxe a falta de acceso ás súas fincas desde que se construíu o paseo fluvial do Río Morto, segundo afirman estes veciños, o río foi desviado polas súas fincas.
Faro de Vigo: Vías e Obras retira a terra e broza depositada sen permiso nun monte de Reboreda

O Concello de Redondela procedeu a semana pasada a retirar a terra e cascallos vertidos nun monte da parroquia de Reboreda sen a autorización da comunidade de montes, propietaria do terreo, que denunciou publicamente o feito.

A Plataforma Cidadá de Redondela Contra a Autovía mostra o seu apoio á presidenta dos comuneiros de Reboreda, Rosa Fernández, ante "os abusos e falsidades feitas públicas polo goberno municipal en relación con esta vertedura ilegal", afirman.

O departamento de Vías e Obras depositou nunha parcela de monte comunal "vinte camións de terra e broza procedentes da limpeza de viarias sen autorización administrativa e contra o acordo da asemblea de comuneiros de Reboreda", destacan desde a Plataforma Cidadá.

Ademais solicitan aos responsables municipais a dimisión do concelleiro de Vías e Obras, Cándido Vilaboa, "non só pola súa implicación na comisión dun delito contra o medio ambiente, senón por calumniar baseándose en falsidades a un cargo público da Comunidade de Montes de Reboreda que actuou na asunción das súas competencias como responsable máximo dos comuneiros". Esta petición fana extensible o directivo da comunidade de montes, Antonio Monteagudo, "pola súa complicidade, tanto no delito como nas calumnias, o que ocasionou un prexuízo e deslealdade grave contra a Comunidade de Montes que representa, motivado por intereses de partido", puntualizan desde a Plataforma Cidadá.
Falo de Redondela

venres, 5 de outubro de 2012

Defendemos unhas cousas e calamos outras?

Estes días, porque o consideraba unha cacicada, dende o outro blogue estiven facéndome eco do que lle aconteceu á Comunidade de Montes de Reboreda-Redondela, á que o Concello tomou polo pito do sereno, descargando sen ningún tipo de autorización camións de broza: Onde hai papeis calan barbas, a presidenta de Reboreda dá a cara e a presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda contesta ao concelleiro Vilaboa.

Hoxe paréceme totalmente acertada a defensa que fai o presidente da ORGACCMM por eses feitos, pero botei de menos cando dende a secretaria da comunidade, en calidade de socios, lles remitín á mesma varios e-mail onde denunciaba tamén outro tipo de cacicadas, algunha delas, como foi a cometida por uns directivos e por Medio Rural, cando estaba en mans do BNG, abrindo pistas en monte comunal e privados, sen aprobación da xunta reitora ou a asemblea xeral. Medio Rural tamén sabía que iso no o podía facer, pero fíxoo.

A miña dúbida de hoxe, é, se no Concello de Redondela gobernase outro partido, a organización manteríase tan contundente? Que conste, para min os dous feitos son iguais de caciquís e punibles, máis propios doutra época. Aínda que postos a elixir, dende logo máis máis grave foi o que aconteceu aquí, porque mentres en Reboreda con unha pa poden retirar todo, estas propiedades xa non volven a ser o que eran, co agravante de que os seus donos pagan por unha parte de terreo que agora é unha pista publica.

Neste caso Medio Rural tamén obrou con mala fe ou leite, porque podendo desculparse non só non o fixo, se non que por medio dun funcionario, de palabra, díxonos que se non estabamos conformes que os denunciasemos.

Aquí tampouco se nos roubou a titularidade, pero si a propiedade. Que conste, escribo todo isto sen animo de acritude, pero hai cousas que caen polo seu propio peso.

Sr Director de Faro de Vigo, co rogo da súa publicación, envíolle o seguinte escrito: O Concello de Redondela pensa que os montes veciñais, son súas fincas

E ademais, conceptúa a estas terras veciñais como vertedoiros para acoller todo tipo de lixo. Só así se pode entender que días atrás, vertese 20 camións de broza no monte veciñal da parroquia de Reboreda, sen permiso da comunidade de montes. Claro que esta actitude do Partido Popular de Redondela, non difire da que ten este partido a nivel galego.

Actitude que non e outra que roubarlle senón a titularidade, se a xestión dos montes veciñais aos seus lexítimos titulares, para entregarllos as empresas privadas (A lei de montes de Galiza, recentemente aprobada en solitario polo Partido Popular e sen consenso social, e boa proba de esta actitude).

O goberno do Partido Popular do concello de Redondela, sabe que está prohibido, sen autorización autonómica, verter calquera tipo de lixo nos montes veciñais. Sabe tamén que se as comunidades de montes non denuncian os vertidos realizados por terceiros nas súas terras, convertese en infractoras e son sancionadas (con multas que chegan a miles de euros). Que pretendía, logo, o Partido Popular de Redondela vertendo broza no monte veciñal de Reboreda?. Que fose multada a comunidade de montes de Reboreda?. Darlle datos a Consellería de Medio Rural e Mar para que, dado que a comunidade de montes non defende as súas terras, verse obrigada a asinar un contrato de xestión para entender que isto era precisamente o que pretendía o Partido Popular de Redondela.

Se o goberno do Partido Popular do concello de Redondela non actuase de mala fé (todo o mundo ten dereito a equivocarse), ante o vertido ilegal, pedira desculpas a comunidade de montes. Mais como actúa de mala fé, foi todo o contrario. Adicase a difamar, chantaxear, ameazar e desprestixiar a xestión de firme defensa do monte veciñal que fai a comunidade de montes de Reboreda e a a súa presidenta Rosa Fernández Santos.

Sabe moi ben o Partido Popular, o de Redondela, tamén, que a defensa do monte veciñal como titularidade comunitaria e o camiñar hacia un monte multifuncional e sustentábel, tal e como fai, impedirán o seu ouxetivo; ouxetivo que non e outro que proceder a privatizar os montes veciñais a favor dos intereses económicos, especulativos e urbanísticos. Da aí o ataque irracional, falso e feroz que fai o goberno do Partido Popular do concello de Redondela a comunidade de montes de Reboreda e a súa presidente Rosa Fernández Santos. Hoxe foron os vertidos mañá, se non os paramos, será outra cousa.
O Pte da ORGACCMM
Xose Alfredo Pereira Martinez
Asdo
Val Miñor a 3 de Outubro de 2012