Mostrando entradas con la etiqueta A Cañiza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A Cañiza. Mostrar todas las entradas

miércoles, 2 de abril de 2014

Primeira Festa de Asado de Porco Celta Deva A Cañiza

Se a comisión de festas de A cañiza, pode facer esta exaltación do porco celta, por que na nosa Comunidade a pesares das propostas que presuntamente fixeron algún vogais para que aquí puidesen facelo mesmo, o presidente en funcións non deu o brazo a torcer, nen tan sequera optou, o que seria o máis normal nun reitor democrático por sometelo a asemblea xeral?

Aínda que o sometese a votación na xunta reitora, pode manexala comunidade como está acontecendo 1, 2, 3 ou 4 persoas, contra máis de 250?

De quen son os porcos de Asoporcel, dese reitores, ou de tódolos comuneiros?

Por certo, por que a día hoxe, aínda non temos coñecemento, incluíndo os vogais, do que nos custou a «broma» por non citala «vergoña» que pasamos a pesares da ilusión que sei, porque así contáronmo, que puxo algunha xente?

porcoceltadeva
facebook.porco.celtadeva

sábado, 7 de diciembre de 2013

A Cañiza: A unión fai a forza

Fai tempo que non visito os nosos porcos?, mais polo que comentou un veciño a cousa non pinta ben, xa que o día que pasou por alí non tiñan penso. Como comentei noutra entrada, a última vez que pasei tamén tiñan o silo baleiro.

Falando con outros veciños, a maioría lembrase das verbas de Luís de Carantoña ao presidente «Santiago os nosos montes non son coma os de Lugo e Ourense, ali teñen landras e castañas para comer».

Aquí o máximo que puideron aproveitar foron as castañas do souto que nos legou o finado de meu tío, José do Patrón. Ollando a zona, que poden comprobar nas fotos, parece que pasan dos fieitos e onde están, dos toxos



Faro de Vigo: A Cañiza aposta polo porco celta

A Comunidade de Montes de Petán utiliza 1.200 parcelas dos seus veciños para a súa explotación porcina a cambio de manterllas limpas de maleza

A Comunidade de Montes de Petán, na Cañiza, dedica 90 hectáreas (propias coa suma de 1.200 parcelas particulares) a unha explotación de porco celta. Actualmente, contan con 15 cabezas reprodutoras, un macho e 117 crías. A súa pretensión é seguir crecendo e chegar a asumir a comercialización dos exemplares que agora fan a través de Asoporcel. A produción existente en Galicia non é suficiente para cubrir a demanda rexistrada.

O xamón é o símbolo da Cañiza pero, desde fai algo máis dun ano, a localidade conta con outro destacado referente porcino: o porco celta.

Primeiro foi un particular e despois a Comunidade de Montes de Petán continuou a súa senda. Leva desde marzo de 2012 criando porcos na súa propia explotación. Para iso, chegou a un acordo con propietarios de parcelas lindeiras, e a cambio de manterllas limpas de maleza, pastan nelas os seus porcos. Comen landras, castañas e raíces, que despois dous traballadores contratados pola comunidade de montes, completan con cereais.

En total son 90 hectáreas, divididas en seis parcelas nas que crían, actualmente, a 15 reprodutoras, un macho, 64 porcos de oito meses e 53 de entre un e tres meses. "As porcas paren cada catro meses e de momento apenas hai baixas, é unha raza que se adapta moi ben á contorna, é moi duro", apunta José Antonio Castiñeiras.

No entanto, o seu obxectivo é ampliar a súa explotación, coa intención de chegar a xestionar eles mesmos a comercialización, un paso que actualmente fan a través da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel).

Ao ser cría extensiva, ao aire libre en lugar de en granxa, é unha carne máis valorada. Aos comuneiros páganlles a 3 ó 3,50 euros o quilo, mentres que a raza branca págase a un euro o quilo, aproximadamente.

Cren que é un negocio con futuro e a súa explotación, con 1.200 parcelas de particulares, é, segundo aseguran, a máis importante de Galicia xunto coa de Beariz, en Ourense. "Non hai suficiente produción para atender toda a demanda existente en Galicia, por iso tampouco podemos cubrir a alta demanda que chega doutros países do mundo", comenta Castiñeiras.

O éxito do seu sabor débese a que "carga máis de graxa pero esta é infiltrada no magro e, por iso, é tan saborosa, parécese máis ao ibérico", explica o presidente dos comuneiros de Petán.

viernes, 7 de junio de 2013

Explotación porcina da Comunidade

Explotación porcina da CMVMC de Nebra

O domingo visitei por primeira vez os cochos que temos na explotación e aínda que previamente recollera impresións pesimistas dalgún vogal e comuneiros, teño que recoñecer que non esaxeraban, e que isto viña a darlle a razón a Luís, o único comuneiro que en maio do ano pasado dixo que o noso monte non era tan apropiado coma os de Lugo e Ourense, para crialos. Isto puidémolo comprobar cando visitamos a explotación de A Cañiza.

Outra cousa que me comentaron, e que tamén lembro, era que ían vir 150, mais polo visto só trouxeron 50. Para non molestalos demasiado, tampouco me parei a contalos, porén dende logo a cantidade prometida e comprometida, queda lonxe.

Grazas a un presidente que tivo visión de futuro, plantou neste entorno un souto de castaños, mis aínda que estivese en plena produción dubido moito que soportase máis carga de animais. Cando falamos dunha inversión destas características, o primeiro que temos que ter claro e que non podemos improvisar. E esta é a sensación coa que me quedei ollando o que hai, e xa non falo de como se aprobou.

Outra cousa seria que tras o desastre do 2006, aproveitásemos por buscarlle outra utilidade ao monte, plantando carballos e sobreiras, polas landras, castaños etc, en vez de plantar de pinos novamente, como fixeron en zonas, como teño criticado que, naceron solos como na chusma. Outra solución, para non depender tanto do penso, seria facer coma eses veciños de Lebozán que poden ollar na ligazón.






La Región: A falta de cultivos para cebar porco celta frea a súa expansión

A Festa do Porco Celta de Beariz cumpriu sete anos, tantos como ten a explotación porcina promovida por un grupo de veciños, que poboou os montes de Lebozán con estes animais.

A saborosa carne desta raza autóctona galega compraceu onte aos centos de comensais que deron boa conta da empanada de porco celta, chourizos con bolos (unha masa de millo cocida en auga) e carne á brasa con patacas, entre outras viandas. O pregoeiro, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral dá Emigración, na súa exaltación do porco celta expresaba o seu recoñecemento «ós que impediron a desfeita da súa desaparición» e apuntaba que «Beariz sae con letras de ouro non mapa gastronómico de Galicia».

A explotación Sat Oural, que conta con sete socios, vendeu durante o pasado ano un total de 270 porcos. Unha parte foi adquirida por Asoporcel (Asociación de criadores de gando porcino celta) do que é vicepresidente José Balboa Rodríguez, concelleiro en Beariz e principal impulsor desta iniciativa. Balboa sinalaba, non obstante, que a maior parte da produción anual véndese á empresa Embutidos Lago de Carballiño, que distribúe para toda Galicia. Balboa recoñece a necesidade de ampliar a explotación, porque «só podemos atender a demanda interior, pero gustaríanos iniciar a exportación». Con todo, sinala que para iso é imprescindible dispor de cultivos na zona, porque cando hai que comprar fóra: remolacha, herba, cabazas ou millo, porque o que hai no campo non é suficiente, suponnos un gasto mensual de 15.000 euros». A falta de cultivos na contorna, «é o principal obstáculo ao que nos enfrontamos para a expansión», puntualizaba.

Os comensais degustando os pratos de porco celta no pavillón deportivo de Beariz.
(Foto: MARTIÑO PINAL)



lunes, 8 de octubre de 2012

Visita á explotación extensiva de porcos de A Cañiza

Como ben digo na anterior entrada, o normal houbera sido visitar antes esta explotación extensiva de porcos de A Cañiza, que levalo a asemblea, e por suposto aprobalo. A xunta reitora ten a potestade de estudar os proxectos que sexan de interese para comunidade, outra cousa é que aprobe inversións para o que non está autorizada como ten acontecido.

Aínda que fai tempo que sigo esta e outras explotacións, descoñecía un asunto vital, e supoño que a xunta reitora tamén. Refírome, claro está, a que na primeira asemblea explicóusenos, e quérese seguir mantendo, que ao contrario que nestas explotacións, aquí os porcos ían a estar en total liberdade, sen balados, como acontece nestas explotacións.

É certo que na última asemblea comunicóusenos que en principio agora vanse meter no souto de castaños da Belga, que esta cercado con malla cinexética, pero se Augas de Galiza nos pon as mesmas trabas que aos comuneiros de Petán, xa hai que movelo balado para deixar libre unha marxe de cinco metros no río. Ollando como os porcos se bañaban en charcas e pequenos regatos que remataban no citado río, supoño que ese requisito é para deixar unha servidume de paso, non para evitar que os porcos se metan tamén no río.

Aquí non debemos esquecer que aínda que sexa dous quilómetros río abaixo, as augas dun regato e do río que temos no entorno do peche, son aproveitadas polo concello para subministrar auga a varias parroquias. Como é de supoñer isto estará todo estudado, pero dende logo non é o mesmo que os porcos non teñan acceso directo ao río, como acontecerá agora, como si pode pasar máis tarde se se deixan en total liberdade.

A min a experiencia desta comunidade, despois de atendelas explicacións dos seus integrantes, máis a da xente de ASOPORCEL pareceume sumamente interesante. Por iso me apuntei á viaxe, son dos que penso que ollando as cousas insitu é como mellor se aprende.

Logo tamén tivemos tempo a visitar unha plantación de oliveiras na Comunidade de Montes de Maceiras, pertencente ao Concello de Covelo. Aquí no creo que se dean, pero sigo insistindo que tralo desastre de 2006, algunha das mellores zonas do noso monte por riba de Resúa puidéronse dedicar sobre todo á produción de castañas.

Lamentablemente en tódolos sitios hai xente ben ruín, mentres estaba tirando fotos descubrín que a varias oliveiras lle arrincaran os titores xunto coa malla que as protexe contra os coellos, e nalgún caso, até se lles dou por rompelas plantas. No comments!!!





martes, 2 de octubre de 2012

ESPERPÉNTO E PUCHEIRAZO!!!


Así considero o resultado do amaño sobre a suposta votación do proxecto de ASOPORCEL... pero antes de nada toca recapitular para sustentar todo iso.

Perdín a conta das asembleas ás que teño acudido, de feito igual ostento o récord de asistencias, sen contar tres nas que incluso unha xuíza afirmou que estiven, cando en realidade estaba a miles de quilómetros, que xa é dicir -iso pasoulle por non ler a lista de asistentes-. Ben, isto non é o importante agora, só era por introducir unha anécdota.

A parte de que non podían celebrala asemblea por non convocala en tempo e prazo -10 días-, varios comuneiros, supoño que pola pola preza, nin a convocatoria recibiron. Observe como no concello de Noia tiveron que adialo derradeiro pleno, polo mesmo.

Se a iso lle sumamos que á hora prevista non había quórum, e que tiveron que pospoñelo comezo até as 20:25h. grazas a que minutos antes chegaron os dous derradeiros comuneiros. Que lembre neste intre, isto só pasou noutra asemblea celebrada no ano 1994, pero o máis curioso, é que naquela directiva había xente do PP, e agora do BNG.

A parte diso, dende a presidencia de José Nieto, pasando pola de Jesús Rodríguez, José Olveira (q.e.p.d) e José Suárez, XAMAIS presenciei unha asemblea onde nunha votación se vulnerase tan descaradamente a legalidade vixente e iso que ollei boa sintonía da xente para aprobalo punto. É certo que no caso de Jesús Rodríguez e José Suárez fun moi crítico coa súa xestión, pero por outras cuestións, nada similar ao presenciado o sábado día 15.

Resulta que o presidente, despois de expoñelo punto así moi de pasada onde apenas se clarificou algo, nesta ocasión non acudiu ningún representante de ASOPORCEL -cousa que non entendo, porque a asemblea prevista para o día 2, e que suspendera por falta de quórum, si acudiran-, sen apenas intervencións dos presentes, solicitou sen máis votos a man alzada, supoño que para controlar así mellor á xente, se non, non se entende.

Cando unha maioría correu a levantala man, saltou no medio do público a voz dunha comuneira indicando que o máis normal seria votar por papeleta. Isto é algo que leva anos aprobado pero se entende que cando non interesa optase mellor polo voto controlado.

Xa digo, ollándose a simple vista que a maioría dos presentes estaban pola labor de aprobalo punto, en vez de aproveitar e facelas cousas ben, foi cando comezaron a fragualo esperpéntico pucheirazo. De primeiro atopámonos que non tiñan papeletas para votar -sendo o secretario sempre tiña á man tacos de apuntes para poder facelo-, polo que tiveron que andar a recortalas de varios folios, e logo, en vez de ir dando lectura a lista de asistentes, como se fixo sempre para votar na mesa, non, unha directiva colleu unha caixa de cartón pasándoa polo medio dos presentes para que tirasen o voto nela.

Algo así é como teño entendido que se fai aló nas américas cos emigrantes, onde votan incluso os mortos, aquí si que non votaron, pero si que o fixo algún que non estaba inscrito, fun testemuña por estar na entrada porta de entrada e fronte á mesa. Do que non me decatei, pero díxomo un vogal, é que dunha casa votaron presuntamente dous.

Pero, por que optarían por este esperpento? Supoño que porque antes da votación, algúns comuneiros, como acontece sempre, xa se marcharon, polo tanto, como comezaron co quórum raspado, deron en supor que na votación xa no había e polo tanto, terían que suspendela asemblea, deste modo foi como na miña apreciación se cometeu o pucheirazo.

Tres asembleas precisamos para aprobalos bancos da igrexa, porque nas dúas anteriores, o presidente logo de mareala perdiz porque non estaba pola labor, conseguiu que os presentes fuxisen astiados da reunión, e ao chegar a hora de votar con papeleta, na mesa e en furna, como non había quórum, nesas ocasións si que non lle importou suspendelas.

Estes días antes de que colgasen a nota da excursión para comprobar como se desenrola en A Cañiza esta experiencia, falando con algunha xente, non entendían como antes de debatelo punto, non fixeron precisamente iso. Alguén se imaxina, por exemplo, comprar un coche antes de probalo? Sinceramente, a min isto agora paréceme o mesmo.

Todo o mundo entenderá que esta visita a destempo non é para amosarnos como coidalos porcos, porque máis ou menos todos chegamos a crialos. Ben, algún igual si precisa asesoramento, porque xa dixo que ía coller un, esquecéndose que no seu día desentendeu totalmente de dous. E para a degustación, que mellor habela feita o día da asemblea e igual se superaba con creces o quórum. De feito no Son xa houbo unha en agosto.

Que conste, que non estou en contra da iniciativa, de feito xa teño comentado que bebía da experiencia doutras comunidades non dedicadas precisamente á cría de porcos, pero si a controlalo mato con outros animais, pero daquela o presidente nunca tivo tempo para iremos visitar esas comunidades, algunha non tan lonxe, como era unha en Carnota.

miércoles, 6 de junio de 2012

De momento non aprobamos dedicarnos a criar porcos

É bo que os comuneiros comecen a preguntarse e a expresarse libremente sobre as cousas que non lles casan do que esta acontecendo na comunidade, mais era mellor que o fixesen nas escasas asembleas que temos, aínda que ollando como algúns lles saltan por ser tan ousados, enténdoos. De feito eu son o primeiro que agora asisto a elas só para ollar, escoitar e calar, coa excepción de que despois uso este foro para expresarme libremente. De que me valía intervir, se sempre tiñan o ás para matarme o tres.


Resulta que agora ademais dos récelos que teñen sobre si dedicarnos a criar porcos, pregúntanse que se aprobou na asemblea. Que a a dúbida partise de comuneiros quen non estiveron nela, vale, mais que quen así se exprese sexan algúns dos que asistiron, di moito da forma de como se desenrolan ou se explican as cousas.

Mais esas dúbidas podíanse clarexar no intre se como fixeron algunhas xuntas reitoras precedentes, antes de pasar ao seguinte punto da Orde do Día, lesen un resumo do recollido no borrador, ou como facía eu, expuxesen a acta publicamente dentro dos sete días seguintes á celebración da asemblea, cousa que dende a miña expulsión non se fai. A importancia de expolas despois da asemblea é vital, por exemplo, para poder impugnar un acordo un comuneiro non presente e que entenda que se vulnerou algún principio.

O que debemos ter claro é que nesta asemblea non se aprobou dedicarnos a criar porcos celtas, se non que unicamente atendemos as explicacións que nos dou o dirixente de ASOPOCEL e logo, quedouse en que a xunta reitora estudase con eles máis en profundidade o tema, e unha vez ter todo ben atado: presupostos, axudas, enclaves onde actuar, etc, convocar unha nova asemblea e alí, unha vez dadas a explicacións oportunas e respondes ás preguntas que no uso do seu dereito faga calquera comuneiro, á vista de todo iso votar libremente: si, non ou abstención, se algúns aínda seguisen con dúbidas.

De momento aproveito para traer a experiencia doutra comunidade, que ao igual que acontece nesta, hai máis xente e institucións implicadas que os comuneiros. De momento á vista da información aportada na asemblea, no noso caso seria só cousa da comunidade.

Aquí manexan unha cifra que de por si sola xa marea, e que fai que se quede en mera anécdota o motivo polo cal a xunta reitora di que rexeitou o asunto de estudar dedicarnos a facer compost co toxo. Dende logo o que non estaría nada mal e que a comunidade organizase algunha visita a zonas onde xa teñan experiencia con estes animais e que os comuneiros, non só os reitores, teñamos outra visión e valoración do que se pretende.
Petán é unha localidade da Cañiza que renace das súas cinzas. Para iso os veciños puxeron en marcha un proxecto que naceu como unha idea para loitar contra os incendios limpando a maleza dos montes, unha explotación extensiva de "porco celta", un dos produtos máis apreciados da gastronomía galega, cuxas carnes superan ao ibérico.

A parroquia, a medio camiño entre A Cañiza e os montes de Fontefría, e o límite con Covelo, ten xa 92 cabezas do prezado animal vivindo felices nos montes. "Estamos moi ilusionados con este proxecto, que fai que o pobo volva saír adiante", comenta un veciño.

Coa implicación do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta (GDR) que logrou unha subvención do Plan Leader Plus para o proxecto, o concello da Cañiza, a comunidade de montes e 88 veciños particulares, o proxecto foi posible.

Segundo explican desde o GDR, logrouse involucrar á asociación de porco celta de Galicia (Asopocel) como especialistas en porcino en extensivo, e a iniciativa contou cunha subvención de 200.000 euros, que xunto coa colaboración da Comunidade de Montes de Petán, como titular e sufragador económico da contía restante, e o Concello da Cañiza, fixo posible actuar sobre unha superficie de 90 hectáreas, que foron rozadas e pechadas perimetralmente, cun total de 12 quilómetros de peche de gran solidez; incorpóranse outras infraestruturas como cabanas prefabricadas, abrevadeiros cun sistema de mangueiras para autoabastecemento de auga, mangas de saneamento para porcino; reparáronse dúas pistas, e moitas outras accións.

O presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta e alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, considera que o proxecto é un dos máis importantes realizados na comarca.

Os porcos, que se trouxeron de Costa da Morte adquiridos en sete pequenas explotacións e foron soltados na leira, "adáptanse cunha rapidez asombrosa", debido en parte, ás condicións idóneas dos porcos, e doutra banda á execución das instalacións.

"O seguinte paso que se pretende é a produción propia de millo, remolacha, pataca e outros alimentos vexetais noutras parcelas improdutivas lindeiras, que garantan aínda mais a viabilidade do proxecto e da parroquia de Petán", afirman.
Fonte orixinal: Faro de Vigo