miércoles, 4 de julio de 2012

Para cando uns presupostos na nosa comunidade?


Hoxe poño como exemplo de transparencia e bo facer á Comunidade Montes Esteiro-Muros, para amosar que a maioría das reivindicacións que levo feito dende que tomei conciencia comunal a finais dos 80, non son perrenchas miñas. Fágoo porque é un dereito que teño recoñecido nos Estatutos da Comunidade e se agora uso só este medio, é porque prometinme a min mesmo que mentres a Democracia non volva á nosa comunidade, non penso intervir nas asembleas.

Como xa teño comentado, xamais entenderei as explicacións dadas nunha asemblea polo xa ex tesoureiro, polo cal se negaban a expoñelas as actas en publico. Segundo el, presuntamente foran varios comuneiros os que así o pediran, cousa rara, porque a min, o único responsable de expolas, ningún me dixo nada e dende a miña expulsión nunca as volveron a expor. O único certo é que cando un comuneiro nunha asemblea lles reclamou volver a expolas, non escoitei a ninguén pedilo contrario. Polo tanto, o único sitio onde esa presunta reclamación podería ter validez, seria nunha asemblea xeral e despois de que a maioría dos asistentes así o aprobase. De aí que siga insistindo, o que se "debata e aprobe nas tabernas" non ten validez legal, por moito que, como estamos vendo, a xunta reitora aplique eses acordos. En realidade iso só ten un nome...

Dende que nos devolveron os montes o 22 de outubro de 1979, ningunha xunta reitora, aquí tamén entoo o "mea culpa", foi quen de elaborar un presuposto anual, como adoitan facela maioría das comunidades, se non todas. Aquí todo se basea en gastar en vista dos números que teñamos no banco. Coma comunidade, o día que non teñamos ren, desapareceremos, porque mentres a bolsa estea repleta calquera é administrador e se non, aí temos o exemplo dos políticos que gobernaron e gobernan España e Galiza.

Unha comunidade que traballa en base a esa formulación de futuro é a de Esteiro, á que literalmente podemos mirar de fronte, salvando a ría. Estas son as súas contas para este ano. Obsérvese tamén o reconto de votos, algo que na nosa é difícil de ollar porque fai tempo que non se vota nada, aínda que as actas reflictan que todo se aproba por maioría.
O domingo día 1 de xullo celebrouse a asemblea extraordinaria da comunidade de montes. aprobándose os presupostos para o ano 2012, coa abstención de 1 comuneiro e os votos en contra de 8.

Nos presupostos están recollidas as seguintes partidas:

Axudas as asociación esteiráns.- 7500€
Esteirana de Fútbol.- 2250€
Esteirana Remo.- 2250€
A.N.P.A.- 200€
Carrilanas.- 300€ + 1€ por alpaca que se poña no monte
Nova Comisión de Festas de Esteiro.- 500€

O resto da partida que pendente para as axudas que se poidan solicitar para eventos a celebrar na parroquia.

Oficina.- 3000€
Coche.- 5000€
Monte.- 30000€
Animais.- 4500€

Ademais destas partidas engádese na asemblea unha nova partida para o pago do ive (que por error desta nova directiva non fora tido en conta).

Estímanse uns ingresos este ano de arredor de 46000€, polos eólicos e a compensación económica para actividades de divulgación medioambiental.

O 25 de febreiro o saldo desta asociación era de 49.447,07€
Se desexan coñecelo traballo que desenrola esta comunidade veciña, poden solicitala súa amizade no seu Facebook.

Adiántolles aquí unha pequena mostra da súa cabana gandeira.


No hay comentarios: