viernes, 6 de noviembre de 2015

Que ben nos viría pillar algunhas subvencións

Todo aquel que se dea unha volta polo monte pola zona de Resúa, Fontenla, Capela do Vello, etc, poderá comprobar que os pinos que temos precisan unha boa poda e pasarlle as cadeas polos carreiros xa habilitados, de esta forma collerían máis forza eor, e no seu día cando cheguen á idade óptima de venta, collerían máis valor.

Campo Galego: Medio Rural aumenta partidas para o sector forestal nos presupostos 2016

A Consellería anuncia que as partidas adicadas a investimentos produtivos no monte duplícanse e pasan de 25 a 51 millóns de euros. A oposición considera que se seguen sen abordar “problemas claves” no país

A Consellería do Medio Rural presentou no Parlamento as liñas xerais dos seus presupostos 2016, que ascenden a 503 millóns de euros, un 4,56 % máis que no anterior exercicio. Nas contas, a conselleira Ángeles Vázquez salientou o aumento da partida adicada ó investimento produtivo no monte, que pasa de 25 a 51 millóns de euros. “Fomentarase o aproveitamento enerxético da biomasa, a produción de castañas, cogomelos e froitos do bosque, e a creación de áreas silvopastorais, para as que haberá 700.000 euros”, avanzou.

A titular de Medio Rural, que compareceu na comisión de Orzamentos do Parlamento, incidiu en que o apoio ás empresas forestais se duplicará, en tanto que se triplicarán os fondos para o impulso ás sociedades de fomento forestal (Sofor), unha figura que permite a agrupación da xestión das parcelas particulares do monte. O presuposto para as Sofor pasa de 200.000 a 600.000 euros. “Temos na actualidade 5 Sofor constituídas en Galicia, que suman 900 hectáreas e 300 socios”, detallou Ángeles Vázquez, que suliñou que o camiño na xestión forestal pasa polo asociacionismo.

Gandaría
En canto ás liñas de apoio ós sectores gandeiros, Medio Rural incidiu no aumento dos fondos adicados a plans de mellora de explotacións, que medran un 7% ata os 26 millóns de euros, e da partida para incorporación de mozos, que será de 16,2 millóns de euros. “Apoiaremos a incorporación de 500 mozos á gandaría”, prognosticou a conselleira.

Medio Rural tamén anunciou dúas novas liñas de axudas, unha para a primeira instalación de pequenas explotacións, que contará con 2,5 millóns de euros, e outra para servizos de asesoramento, xestión e substitución, con 3 millóns de euros.

A partida destinada a concentracións parcelarias será de 22 millóns de euros, polos 13 da campaña anterior, se ben desde a oposición considérase un esforzo insuficiente.

Valoracións da oposición
Desde os grupos parlamentarios da oposición consideran os presupostos da Consellería como “máis do mesmo”. Como valoración global das contas, o socialista Pablo García sinalou que “non hai nada novo nin distinto” e lamentou que os presupostos de Medio Rural estiveran 148 millóns de euros por baixo dos do 2009, unha cuestión que o grupo popular achacou á crise.

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (Age) na comisión, Antón Sánchez, incidiu pola súa banda na falta de ordenación do territorio e criticou a expansión da superficie forestal en detrimento da superficie agraria. “Modificaron a Lei do Solo, pero segue sen haber en Galicia unha ordenación dos cultivos”, criticou.

Sánchez tamén botou de menos nas contas de Medio Rural un maior apoio ó sector da horta, no que albisca un gran potencial en Galicia. O Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2015-2020, pendente de aprobación en Bruxelas, foi outra das cuestións abordadas por Age, que entende que o atraso na aprobación do PDR pon en entredito as contas de Medio Rural para o 2016.

Pola súa banda, a deputada do Bng Tareixa Paz enfocou as súas valoracións das contas de Medio Rural ó que considera descoido de “problemas graves”: “Todos coincidimos na análise de que é preciso potenciar o asociacionismo e o cooperativismo no rural e sen embargo vostedes reducen os apoios ó asociacionismo, que pasan de 3 millóns de euros a 1,3 millóns. Tampouco afrontan outra cuestión clave, como a falta de mobilidade das terras agrarias e faltan apoios para o sector lácteo”, cuestionou.


No hay comentarios: