lunes, 2 de febrero de 2015

Alguén lembra nestes últimos oito anos aprobar plans de traballo e investimentos na nosa Comunidade?

Aquí valéndose dun mal acordo que critiquei no seu día, no que unha xunta reitora aprobou poder dispor de dous millóns das antigas Ptas., «12.020,24 €», sen o visto e prace da Asemblea Xeral, este impresentable de presidente que estamos a sufrir, multiplica esa cantidade polo que lle dá a gaña.
Os comuneiros de Cobres aproban os plans de traballo e investimentos

A asemblea ratifica un orzamento de 131.000 euros e avalía 16 proxectos presentados para a reforma da antiga reitoral

Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres aprobaron o plan de traballo e o orzamento previsto para este ano, que ascende a131.000 euros. As principais actuacións a levar a cabo son as silvícolas, ás que se destinarán máis de 46.000 euros e á compra e proxecto de reforma da antiga casa reitoral á que se destinarán máis de 52.000 euros con cargo ao orzamento deste ano.

En canto aos traballos de silvicultura, propúxose en consonancia co programado no plan de ordenación, a repoboación de 24 hectáreas con eucalipto nitens no monte de Castiñeiras, con franxas de castiñeiros. Ademais, prevese a plantación de tres hectáreas de piñeiros pinaster con franxas intercaladas de frondosas, en este caso nogueiras, no lugar de Fontaiña.

Xunto a estas actuacións reguladas polo plan de ordenación, tamén se prevén actuacións con cargo á subvención de prevención contra incendios. Estas actuacións foron aprobadas por unanimidade polos 86 comuneiros asistentes que representan ao 65 por cento do censo total.

Así mesmo, aprobouse por unanimidade as contas pertencentes a 2014, onde se obtiveron uns ingresos de 67.000 euros e uns gastos de 70.000 euros nos que o investimento en actuacións silvícolas supuxo un 80% do total.

Outro asunto destacado foi a compra da antiga reitoral parroquial, onde se expuxo a situación actual, pendente da firma do contrato e da tramitación administrativa paralela. Deuse conta das negociacións con distintas entidades bancarias para financiar o 70% do importe da compra. Tamén se aprobou por unanimidade aceptar a proposta financeira ofrecida por Abanca.

Ademais, a directiva deu conta das xestións realizadas ante a delegación de Fomento en Galicia onde se lle informou da intención dos comuneiros de rehabilitar o edificio e recibiuse o compromiso por parte de Fomento de facilitar dita obra, tendo en conta que a construción está na zona de afección da AP-9. Por outra banda, informouse da reunión mantida coa Dirección Xeral de Patrimonio que debe autorizar as obras, dado que o edificio está catalogado como Ben de Interese Cultural.

A destacar que se presentaron ao concurso para a redacción do proxecto de rehabilitación da reitoral un total de 16 traballos e que serán examinados e avaliados nun acto aberto aos comuneiros que probablemente celebrarase o próximo sábado, día 7.

En canto ao apartado de acción social, ademais das achegas xa establecidas de axudas a clubs deportivos da parroquia e da colaboración económica coa comisión de festas, este ano púxose en marcha unha iniciativa destinada a axudar a aquelas familias con nenos en idade escolar e que presentan unha condición laboral desfavorable. Dita iniciativa conta cun orzamento de 3.000 euros e destinaranse á axuda para a compra de material escolar. A directiva porase en contacto coas ANPAS dos colexios de Riomaior e Toural e a AVV de Santa Cristina de Cobres para xestionar estas axudas.

Os comuneiros porán en marcha iniciativas para por en valor o potencial do monte mediante a introdución do pastoreo e informouse da posibilidade de instalar unha explotación en extensivo do "porco" celta no monte do Cabalo.

No hay comentarios: