lunes, 10 de febrero de 2014

A importancia dos peches gandeiros no monte baixo

Tal e como manifestei algunha vez, unha das miñas prioridades, previo debate nunha asemblea xeral era propor un convenio coas asociacións de gandeiros, para que unha vez conseguidas as oportunas subvencións facer varios peches na zona que denominamos monte baixo. Para que se entenda mellor, irían no monte comprendido entre a pista alta e que parte de Cadeiras até Calo.

Esta zona usaríase preferentemente no inverno e coa chegada da primavera, os animais volverían de novo aos Chans do Barbanza, onde terían novos pastos e non pasarían as calamidades do inverno, no que ademais de pasar fame, moitos morren de frío tal e como recolle La Voz de Galicia: Atribúen ao frío e ao temporal a morte dunhas reses no monte de Nebra

Os efectos do mal tempo tamén se están sentindo nos montes da serra de Barbanza. En concreto, en Nebra, onte pola mañá, foron localizadas varias cabezas de gando mortas. Responsables da Consellería de Medio Rural confirmaron que as condicións extremas ás que están expostos estes animais durante o inverno foron as causantes do seu falecemento.

Ademais, as intensas choivas están a ocasionar desfeitas en numerosas pistas forestais e camiños, un problema que na citada consellería explican que levará tempo solucionar. Aínda así, os axentes do distrito forestal están percorrendo a diario a serra para coñecer o alcance dos danos provocados polo temporal.
E se non morren coa fame ou co frío, hainos que non teñen empacho en desgarrarlle uns tiros: Achados os corpos de dúas cabezas de gando mostrenco tiroteados nunha aldea de Boiro.

Lamentablemente isto non é unha novidade, o día de San Xoán de 2012, encontreime con estes bois do meu curmán Joaquín, tamén abatidos.

Retomando os peches. Que gañaría a Comunidade? A parte de que nese tempo os animais eliminarían unha boa parte do mato que xera o monte, evitaríamos ter que usar métodos máis prexudiciais e por suposto moito máis caros.

É certo que algúns colectivos están na súa contra, tratando de impor os seus intereses por riba dos propietarios. Pensando no meu beneficio tampouco me gustan porque son un estorbo para camiñar, mais a nivel xeral o que interesa é que o monte volva a ser rendible, non só coa madeira, se non que tamén poidamos obter froitos como castañas, noces, etc. Todo isto pode ser compatible co desfrute da natureza con esas limitacións, e cos animais.

Os peches gandeiros non son unha novidade, salvo para aqueles que descoñecen esta ancestral costume. Claro que por aquel entón non se facían con aramios, se non que os nosos ancestros, usaban o material que lles proporcionaba a propia natureza: Rochas. Se recapacitamos un pouco, daquela non había os medios de locomoción, nin estradas, polo que para evitar que os animais invadan as vías e poidan causar un accidente, de feito xa causaron máis dun, téntanse evitar recluíndoos en peches co consenso dos comuneiros.

O que non é de recibo é que como acontece demasiadas veces aquí, o presidente sen previa consulta aso comuneiros, faga un uso arbitrario dos NOSOS PECHES, coma se fosen da súa propiedade. Por exemplo, arriba poden ollar tres cabalos de propietario descoñecido, grazas aos seus segredos.

Os que me coñecen saben que teño curmáns con animais no monte, mais nunca se me ocorrería facelo mesmo, principalmente por respecto aos comuneiros, e porque estou seguro que non me permitirían esa cacicada.

En canto ao problema das pistas, que non lle boten toda culpa agora aos temporais. É certo que agudiza o problema, mais como tamén pateo o monte, este ven de moito atrás, por culpa de malas actuacións. A que vai de Resúa á Graña é un claro exemplo, despois de ser reparada fai escasamente 7 anos.

Antigos peches espallados pola serra, convivindo cos novos



Antes escribín: Mi cortijo
Favores na comunidade

Cristina Bugarin. Avogada: Distintas modalidades de contratos que se poden outorgar sobre os montes veciñais.

No hay comentarios: