martes, 11 de febrero de 2014

Discrepancias sen sentido ou malintencionadas!!!


Se nesta comunidade de A Guarda, aínda aprobando ben as cousas, hai discrepancias, coido que nas que algúns presidentes co visto e prace do resto de reitores actúan por IMPOSICIÓN ou coma meros DITADORES, como acontece na nosa, penso que as miñas críticas teñen máis que razón de ser.

XAMAIS critiquei algo que se aprobase legalmente. Isto é, que o tema viñese na orde do día e que só votasen os comuneiros inscritos na lista de asistentes.

A magoa é que quen debía dar exemplo fai todo o contrario, aproveitándose nalgúns dos casos da boa vontade dos comuneiros e noutros, do seu analfabetismo asembleario, ou porque os que discrepamos, vimos de familias humildes e pobres, ou sen estudos, porén ante todo somos legais. A educación é un tesouro do que non pode presumir algún por moitos títulos que atesoure.

Faro de Vigo: A corta de eucaliptos na cima do monte Trega executouse debido á súa enfermidade

A comunidade de montes da Guarda acordou a reforestación do espazo - Solicita permiso a Patrimonio para arrombar a chaira de subida ao Facho e crear unha área de aparcadoiro,

A enfermidade que padecían os eucaliptos da ladeira do pico do Facho, no monte de Santa Trega da Guarda, declarado Ben de Interese Cultural, obrigou á súa corta. A comunidade de montes en man común da Guarda así o explica ante os comentarios xurdidos na vila por mor da curta e amaño deste lugar.

Este é o motivo que leva á xunta reitora a dar conta das actuacións realizadas, as súas causas e o futuro que planificou para o espazo.

A actuación ten a súa orixe na caída de nove enormes eucaliptos acontecida o pasado ano 2013. Algúns deles orixinaron importantes desfeitas na vía cruces que está situado na subida ao monte, unha reparación que "esta comunidade tivo que custear dos seus fondos, nun primeiro momento, ante os diferentes problemas expostos polas aseguradoras", precisa.

Os técnicos forestais consultados concluíron que "o escaso enraizamento das árbores, o seu elevado porte e unha incipiente enfermidade, todo iso unido aos fortes ventos do temporal ocorrido naquelas datas, provocara a caída".

Os técnicos indicaron que unha gran parte das árbores existentes empezaban a mostrar signos de enfermidade nas súas copas, concretamente a presenza do "goniteiro ou gurgullo do eucalipto que comeza atacando as follas da árbore e vai debilitándoo aos poucos e acabando coa súa vida".

Nos próximos meses arranxaranse e arrombarán atallos; procederase á roza, limpeza e prevención de incendios na zona comunal, con dous operarios destinados a iso durante todo o ano. Ademais do arranxo da zona do Facho, onde se produciu a corta, solicitouse permiso a Patrimonio para o amaño e arranxo da chaira de subida a ese lugar e para a creación dunha pequena zona de aparcadoiro que se situaría no cara oeste do pico de San Francisco.

A comunidade de montes lamenta o desconcerto e receo que puidese crear esa corta na sociedade guardesa, pero alega que as causas "cremos que avalan de forma clara a actuación" que se realiza co fin de dispor dunha maior seguridade e aproveitar mellor a contorna do que se poderá gozar unha vez realizada a obra e repoboación que están previstas.

A polémica corta aprobouse na xunta xeral ordinaria do ano 2013, ante o risco potencial que supuña a presenza destas árbores, tanto para o patrimonio, como para a seguridade de veciños e visitantes, ao estar algúns próximos á estrada.

Na mesma xunta aprobouse o amaño e reforestación da zona. Informa a comunidade de montes que a actuación incluirá a mellora do espazo e da accesibilidade. Na repoboación utilizaranse árbores de sombra nun terreo moi utilizado polos veciños, elixindo especies que non sexan tan sensibles ás pragas, especialmente nas zonas altas.

O BNG pide control

Por outra banda, o grupo do BNG no Concello guardés, solicitou por escrito ao Concello información sobre esta corta. Considera que as autoridades pertinentes deben ter coñecemento destas actuacións. No seu escrito pregunta se se contou con permiso de Patrimonio e se o Padroado do Monte Trega tiña coñecemento diso. Lembra que o Trega foi declarado Monumento Histórico Artístico e Ben de Interese Cultural.
Oxalá teñan máis sorte que nós no seu día cando lle mandamos un escrito a Suárez Canal, por abrirnos a dende a súa Consellería a pista polo noso agro. No noso caso non contaron co permiso de meu pai, nin foi aprobado pola asemblea, como aconteceu aí e que supoño que tiveron que contar co visto e prace do Distrito da zona.

Que doado é para xente deste partido pedir responsabilidades aos comuneiros, mentres eles dende a Xunta fixeron as súas falcatruadas que, no noso caso non me cansarei de denunciar e criticar, porque asísteme ese dereito.

No hay comentarios: