viernes, 22 de noviembre de 2013

Refrán de vellos: de roubos feitos portas novas


Se gastásemos algo más en prevención, igual gañariamos máis. Non debemos esquecer que o lume por onde pasa arrasa con todo, levando en moitos casos, novas plantacións que non pagan o investido nelas. A iso hai que sumarlle os cuantiosos gastos que implica toda mobilización para loitar contra el, que tampouco se recupera, e agora Medio Rural e Mar confirmamos isto...
A Xunta destinou máis de medio millón de euros á rexeneración e conservación de chans en áreas afectadas por lumes forestais

Para estes traballos despregáronse sobre o terreo equipos de avaliación, de traballos forestais e dous helicópteros
O secretario xeral de Medio Rural e Montes fixo fincapé na necesidade de endurecer as penas por delitos de incendios forestais, xa que pode supor un importante factor de disuasión
Fernández-Couto informou de que actualmente existen en Galicia 3.221 montes clasificados como monte veciñal en man común, sendo o número total de comunidades de 3.005

A Xunta destinou este ano algo máis de medio millón de euros ás tarefas de rexeneración e conservación de chans en áreas afectadas por lumes forestais en zonas de protección ambiental. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, respondeu esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento galego a unha pregunta sobre estes traballos.

O secretario xeral indicou que para a realización destes labores se despregaron sobre o terreo equipos de avaliación, de traballos forestais e dous helicópteros. Estes medios realizaron traballos de mellora de infraestruturas e rede de drenaxe, con limpeza e apertura de cunetas, limpeza de canos e arquetas, etc. Tamén, actuacións de control de vexetación e accións de mellora dos cursos de auga, así como máis específicas de control de erosión e protección de solos. Entre estas últimas cómpre destacar os traballos de acolchado de palla –mulching- manual e dende helicóptero (basicamente consisten en depositar sobre as zonas afectadas palla de cereal e manta de coco, para formar unha película que evite o arrastre do chan).

Ademais destas actuacións, o secretario xeral destacou que desde varios departamentos da Xunta púxose en marcha un programa ambiental centrado na limpeza e rexeneración dos montes, no que participan diferentes grupos de voluntarios, ao abeiro do plan de voluntariado da Xunta de Galicia.

GES e penas aos incendiarios
En resposta a unha pregunta sobre os Grupos de Emerxencias Supramunicipais –GES- Fernández-Couto sinalou que teñen entre as súas funcións a colaboración na loita contra os incendios forestais con distintos niveis de intensidade segundo a época do ano. Lembrou ademais que están integrados no dispositivo coordinado baixo o mando único da Xunta, un dispositivo, destacou, que se incorpora e se retira de xeito progresivo.

En relación ao endurecemento das penas aos incendiarios, o secretario xeral fixo fincapé en que é necesario, xa que pode supor un importante factor de disuasión. Neste sentido, sinalou que a Xunta realizou diferentes propostas e que neste momento está en marcha un proxecto de reforma penal por delito de incendios forestais. Ademais engadiu que este tipo de actuacións no eido penal compleméntase con outras como a axilización na vía administrativa das sancións para accións que poidan constituír neglixencia e derivar en lume forestal ou actuacións de manexo de lume non axeitadas coa finalidade de actuar de xeito máis rápido.

Montes veciñais en man común
Por outra banda, en resposta a outra pregunta, o secretario xeral de Medio Rural e Montes informou de que actualmente existen en Galicia un total de 3.221 montes clasificados como monte veciñal en man común, sendo o número total de comunidades de 3.005. Destas, un total de 1.374 contan cun convenio ou cun consorcio coa administración forestal.

Tomás Fernández-Couto lembrou que –consonte á Lei de Montes– constitúe unha obriga legal para as comunidades o reinvestimento dunha porcentaxe dos seus ingresos anuais no propio terreo forestal, co fin de poñelo en valor e loitar contra os incendios forestais.

O secretario xeral fixo fincapé no impulso que se lle está a dar dentro da Lei de Montes de Galicia aos aproveitamentos forestais e insistiu en que esta normativa establece un novo modelo aberto a todos os aproveitamentos forestais. Neste sentido, lembrou que a Xunta ten habilitadas diferentes liñas de axudas como as de mellora de pastizais en zonas forestais e as destinadas ao impulso de cultivos alternativos como a castaña.
Descoñezo se a Comunidade, de ser posible, acolleuse, como fixo no seu día José do Patrón (q.e.p.d) a algunha subvención para plantar castaños, de froita, a mellor opción se queremos criar porcos ou para producir madeira.

E como remate, nestes vídeos pódese comprobar a diferenza abismal entre un monte dedicado a pinos ou, neste caso a castaños.

No hay comentarios: