miércoles, 9 de enero de 2013

Con pé firme!

Diario de Arousa: A Comunidade de Montes de San Vicente compra os animais para o silvopastoreo

A Comunidade de Montes de San Vicente realizou xa a compra de catro vacas e un touro para por en marcha o proxecto de silvipastoreo, aínda que os animais aínda non se atopan na parcela.

Segundo explicou na xornada de onte o presidente da entidade, Jesús Otero Pombo, aínda quedan algúns flocos pendentes nas obras que se están executando na parcela, polo que os animais non se poden trasladar de momento.

En concreto, o único que faltaría para concluír os traballos sería colocar o teito á corte e conectar a auga ao pozo que se situou no lugar.

Así as cousas, tendo en conta que as vacas e o touro xa están comprados e que as obras están a piques de finalizar, todo apunta a que ao longo deste mes o proxecto poderá pórse en marcha.

Hai que lembrar que o Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés concedeu a finais do mes de agosto de 2012 unha axuda de 32.000 euros á Comunidade de Montes de San Vicente para executar estas actuacións.

Aínda que nun principio estaba previsto dividir as obras en dúas fases finalmente os comuneiros decidiron executar os traballos de maneira que non se producise ningún parón que puidese motivar inconvenientes como o crecemento de maleza, que poderían provocar uns gastos maiores para as arcas da entidade.

Deste xeito, o feito de facer nunha soa fase estes traballos fixo posible que os prazos para a instalación dos animais na parcela acurtáranse de maneira importante, de modo que ao longo deste mes esta iniciativa será xa unha realidade.

O obxectivo deste proxecto é o de conseguir limpar a parcela de maneira natural, xa que as vacas e o touro alimentaranse da herba da zona evitando así o seu crecemento e diminuíndo notablemente o risco de incendios nos terreos comunais.

Ademais, se este proxecto funciona ben desde a Comunidade de Montes non descartan aplicalo a outras parcelas e mesmo involucrar aos particulares que queiran sumarse á iniciativa.

No hay comentarios: