jueves, 1 de noviembre de 2012

Noia: acordan expropiar unha finca para abrir a rúa Pintor Xenaro Carrero

Guiandón-Xuño
É curioso, mentres o tripartito de Noia, integrado por varios edís do BNG, segue os pasos legais para poder expropiar un terreo, os seus compañeiros cando gobernaron na Xunta inducidos polo presidente da comunidade, arrasaron coas propiedades de varios comuneiros para cruzarllas polo medio e medio con unha pista forestal, que tantas veces relatei aquí.

Claro que así, Medio Rural, a comunidade ou o culpable da cacicada -descoñezo quen se tería que facer cargo-, eludiron a indemnización resultante da valoración dos terreos afectados; das plantacións que había e o 5% pola prima de afección tal como determina a Lei de Expropiación Forzosa. Desa maneira foi un roubo-gratis co agravante de ser cometido por un goberno democrático?, que por riba se mofou dun dos prexudicados.
Vía: Xornal Certo

O Pleno do Concello de Noia, celebrado na noite de onte, vén de aprobar por unanimidade o proxecto de expropiación dos terreos destinados á apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero no seu encontro coa rúa Pintor Francisco Creo, solicitando ao mesmo tempo á Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación do ámbito afectado pola citada expropiación.

Trátase de ocupar unha superficie de 470 metros cadrados, destinados á prolongación da rúa Pintor Xenaro Carrero, ata o seu encontro coa rúa Pedra Sartaña. O barrio de Labarta é froito da ordenación urbanística nada coas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal aprobadas de xeito definitivo no mes de novembro de 1990, e que entraron en vigor a mediados de xaneiro de 1991. A edificabilidade recoñecida ao citado barrio está, a día de hoxe, practicamente esgotada, atopándose censados no mesmo un total 1.243 veciños e veciñas, o que supón o 8,36 % da poboación total de Noia.

Unha realidade conxelada en 1974 e planeada dende 1991

A pesar do tempo transcorrido, os accesos á citada barriada séguense facendo polos itinerarios herdados da realidade do momento, así como por unha das rúas contempladas no seu día polo PXOU de 1974; cuestión esta que choca de xeito frontal co alto número de veciños e veciñas residentes na zona, así como pola instalación de numerosos establecementos comerciais (de hostalaría e empresas prestadoras de servizos varios), situados no barrio.

A natureza do ben afectado polo expediente de expropiación é o de parcela destinada a xardín de vivenda unifamiliar, así como un peche de mampostería e outro de bloques de formigón prefabricado, existindo ademais diversa vexetación.

A valoración é a seguinte: valor do solo, 60.550,10 euros; valor por construcións, 4.156,80 euros; valor por plantacións 8.549,00 euros; arroxando a valoración a cantidade de 73.255,90 euros ao que hai que sumarlle o 5% pola prima de afección tal como determina a Lei de Expropiación Forzosa, facendo un total final de 76.918,70 euros.

Aclara o concelleiro de Urbanismo, Bieito González, que se entende por expropiación urbanística "aquela que se aplica para a execución do planeamento urbanístico en vigor; a que se utiliza para a consecución de calquera dos obxectivos previstos na figura de planemento da que se trate (apertura da rúa contemplada nas NN.SS. de planeamento municipal de 1991)".

No hay comentarios: