jueves, 21 de junio de 2012

Por que agora si, e antes non?

Este é un exemplo do que quería dicir aquí. Para matizar ben a miña posición, teño que retraerme uns anos co que poder amosarlles o que para min é a dobre vara de medir dalgúns, que na oposición moito non a todo e no goberno, si a todo.

Nos anos 90, o Concello e a Comunidade de Montes de Baroña estableceron un convenio polo cal acometeron a medias unha serie de melloras en varias pistas da parroquia, ancheándoas e canalizando as augas pluviais polas cunetas.

Por aquel entón no BNG criticamos ese tipo de actuacións, porque considerabamos que eses traballos eran competencia do Concello, xa que para iso pagabamos o imposto de circulación. Quen non se lembra como mentres as rúas de O son e Portosín eran cimentadas por empresas, as "lameiras" das nosas aldeas fórono grazas ao traballo dos veciños e veciñas e aos pinos do monte? Tamén é verdade e non o podo negar, que nalgunhas ocasións o Concello dounos gratis? algúns sacos de cemento.

Nesa mesma época, outra xunta reitora aquí tamén quixo facelo mesmo, concretamente na pista que vai da Igrexa a Ieste. A súa intención era, igual que se observa nas fotos, colocar tubarias ao longo do traxecto para que deste modo quedase máis ancha, e os peóns, camiñar máis seguros. Aqueles directivos aos que tamén tanto critiquei, neste caso actuaron máis democraticamente que estes, porque levaron a proposta a unha asemblea.

Os comuneiros puidemos debatela e moitos mostraron o seu rexeitamento, advertindo ao resto do trato discriminatorio que había nas parroquias do rural con respecto ás "capitais", de aprobarse a medida. Agora de haber xente que pensase o mesmo que daquela, xa non tiveron a posibilidade de poder expresarse. Tanto en segredo o levaron, que na asemblea do 13 de maio nin tiveron a decencia de informar do que pretendían facer. Dun día para outro apareceron os tubos amoreados e moitos pensamos que eran para o saneamento. Despois comezou a circular o rumor de que era para sacala auga da estrada, algo ilóxico, xa que á entrada de Cornido temos peor problema xa que alí si que cruza toda estrada.

Se ese fose o verdadeiro motivo, dado que a estrada pertence á Deputación, o normal sería mandarlle un escrito solicitándolle a limpeza das cunetas, tal e como acometera no mes de outubro incomprensiblemente dende o Empalme até o cruceiro de Pouso.

Presuntamente a escusa non foi esa é até aquí quería chegar, porque despois de tanto criticar o que facían outros, observo que faise o mesmo ou peor. Quen buscou do Concello a mesma colaboración que naqueles anos xuntos rexeitabamos, foi o presidente. O motivo esgrimido para solicitalos tubos e poñela man de obra a comunidade, foi que, segundo el, presuntamente os comuneiros queixáronselle da falta de aparcamentos (sic). Que haxa xente que se queixe agora da falta de aparcamentos en Nebra é de...

Por certo, a pesar da alternancia que houbo de gobernos na Deputación, ningún foi quen de levar a cabo aquel vello proxecto de reformala estrada e dotala de beirarrúas. Será que nas promesas incumpridas, é onde se asemellan tamén por igual tódolos políticos? 

No hay comentarios: