miércoles, 20 de junio de 2012

Por que en Nebra temos que ser tan diferentes?

Tentando buscar coincidencias nesta Orde do Día da Comunidade de Montes de Goiáns (Portosín) e as nosas, salvo no primeiro punto, non atopei ningunha.

O primeiro gran detalle que non se me escapa é que entre a data da convocatoria, 7 de xuño, é o día no que están convocados os comuneiros a xuntarse, hai dezasete días polo medio, polo que cumpren con creces a Lei de Montes que obriga a convocalas asembleas como mínimo con dez días de antelación. Desta forma, ao contrario que nós, na que o presidente asínaas ao límite, atopámonos que, como é lóxico, despois entrégansenos fora do prazo. Motivo suficiente para pedila anulación das asembleas.

2º.- Propostas dos comuneiros para o mellor funcionamento da comunidade.

En Nebra, aos feitos me remito, parece que as únicas propostas que se aceptan son as que xorden botando un grolo na taberna. Suponse que foi alí onde a xente se queixou que non querían que se expuxesen as actas, porque dende logo nas asembleas non se escoitou.

3º.- Estudo do Plan de obras realizadas ou en execución durante o 2012.

O 13 de maio tivemos a última asemblea e non se comunicou ningún plan de obras para este ano, sen embargo algunhas foron acometidas curiosamente días despois da asemblea o que molestou bastante a algúns comuneiros. Cada unha delas será debullada polo miúdo e por separado nas seguintes entradas porque teñen "tela".

4º.- Constitución dunha comisión coa finalidade de pedir presupostos para levar a cabo obras propostas en Asemblea.

Dende a miña saída da directiva, xamais se nos informou, nin expuxo publicamente os presupostos das obras acometidas. Descoñecemos incluso se antes de adxudicalas piden presupostos a varios empresario ou se se adxudican directamente a dedo como se fosen obras particulares e a xornal. Convén non esquecer, que aínda que a xunta reitora poida manexar ao seu antollo 12.000 €, cando se aprobou, tamén se dixo que había que pedir varios presupostos, algo que non se fai, a parte de gastar máis que o legalmente aprobado, co que se vulnera claramente a legalidade vixente.

Repasando como se actuaba durante o meu paso pola secretaria, debo dicir que as tres inversións que pasaron pola asemblea «como xa teño dito, houbo outros casos nos que algúns directivos actuaron por libre», pedíronse varios grazas ás miñas iniciativas.

O primeiro fora para compralo coche, aínda que despois por compralo fora de prazo tivemos que quedarnos co máis caro, porque foi o único concesionario que nos fixo o "apaño", se non perderiamos 18.000 € da subvención.

Seguiranlle os bancos da Igrexa. Tamén a pesar de que era o único que por motivos laborais me ausentaba bastante, ao final tiven que facerme cargo de todo o proceso no meu escaso tempo libre, todo ilo a pesar de advertilos e deixaralles toda documentación preparada para que a levasen ás empresas.

Rematamos co local, poxado publicamente por 91.348,04 € pero despois de botalo abaixo o presidente, axustou un novo entre el e o construtor, ou iso foi o que dixo na asemblea que ía facer. Contía que logo xamais deu a coñecer, pero que segundo as contas que me pasou a xestoría, nese intre levábase pagado 134.344,64 €. Aquí preciso máis os datos.

A todo isto debo dicir que nas contas do ano pasado aparece reflectido un novo pago de 3.419,23  €, que tamén teñen que ser por obras no local.

Aquí mentres haxa cartos funcionamos así, a xunta reitora segue facendo e desfacendo ao seu antollo, se coma noutras comunidades precisásemos pedir un préstamo e como é natural, os comuneiros ser os avaliadores, seguramente habería unha fuxida de comuneiros e máis se saben, que os bens comunais son inembargables. Por min que lle sigan dando, pero que non pensen que todos se chupan o dedo, aínda que calen.

No hay comentarios: