lunes, 30 de junio de 2014

Isto é eficiencia, mais logo de aprobarse, un desbotouno!!

Galicia Confidencial: "Galicia podería exportar abono de toxo a nivel mundial"

Entrevista a Ramón Lourido, propietario de Abonos Lourido, situada en Crecente (Pontevedra) é a única empresa que elabora abono a partir de toxo.

Como naceu Abonos Lourido?

Naceu dunha Sociedade de Transformación Agraria (SAT) formada por tres socios e adicada ás cabras, chegando a ter 600 cabezas e xa daquela comercializabamos abono de esterco de cabra. Por desavinzas entre os socios a sociedade disolveuse e entón, no ano 1996 foi cando creei Abonos Lourido, afondando no aproveitamento do toxo para abono orgánico así como a súa mestura con abono de animais.

Sodes unha empresa pioneira en Galicia no aproveitamento do toxo para a produción de materia orgánica. Como xurdiu a idea?
Son de aldea e a potencialidade fertilizante do toxo era coñecida de forma tradicional. O que descoñecía era a compostaxe, e foi a base de ensaio e erro como cheguei a compostar o toxo obtendo un ano nobre e coas mellores características, tanto para a nutrición das plantas como da estruturación do solo.

Porén, a época dourada de Abonos Lourido pasou porque nos afectou moito a crise. Chegamos a rozar unha media anual de máis de 200 hectáreas de monte de toxo, a sermos 4 traballadores e a procesar unha media anual de 15.000 metros cúbicos de toxo fresco. Sen embargo, a crise da construción tamén lle afectou a todo o sector de xardíns, plantas ornamentais e viveiros, e xa que logo tamén a nos.

Ademais, a competencia no sector nos últimos meses é brutal, con marcas brancas que ofertan sacos de 60 litros de substrato a 5 euros, cunha calidade moi inferior á nosa.

Podes explicarnos en grandes liñas como é o proceso?
Ben, nos o que facemos rozar o toxo cun tractor adaptado especialmente para este cometido. Facémolo nos meses de primavera, que é cando o toxo está máis tenro, ten máis nitróxeno e menos materia seca. No propio monte apilámolo e queda alí durante uns 5 meses descompoñéndose. Logo levámolo para a planta e facemos grandes pilas de compost que imos volteando cada mes ou mes e medio até que está maduro. Logo críbase e envásase.
Temos varias gamas de produtos que varían en función se na pila de compostaxe lle engadimos ou non abono orgánico de animais ou casca de piñeiro.
"Poderíanse crear moitos postos de traballo en Galicia valorizando o toxo para abono orgánico, pero prefírese que arda"

Que propiedades fisicoquímicas lle aporta o abono de toxo á terra? Alguén que sexa do rural sabe das propiedades do toxo e en Abonos Lourido o que fixemos unicamente foi acelerar o seu proceso de descomposición a través da compostaxe. O toxo en Galicia axuda á humidificación do solo, a darlle máis esponxosidade, mellorando a súa aireación e a súa capacidade de retención de auga.

Tedes dificultades para acceder á materia prima, ao toxo dos montes?
Non, o 99% do toxo recollémolo en montes comunais, que para nos son moito máis rendibles pola súa extensión.

Que potencial lle vedes a Galicia neste tipo de abonos a partir de toxo?
O toxo ten un mercado potencial tremendo, mesmo a nivel mundial, pero hai que explotalo. Dun saco de substrato de toxo produces hortalizas cun sabor estupendo, como os de antes. Ademais, en Galicia xogamos con vantaxe porque non hai moitas zonas do mundo onde se dea o toxo como aquí.

A labor de roza que realizades é fundamental para evitar os incendios. Vedes apoio por parte da Administración para fomentar iniciativas como a vosa?
Habería que apostar por isto e o primeiro en facelo debería ser a Administración pois é a maneira mellor de limpar os montes e evitar incendios forestais. Agora mesmo a Xunta está subvencionado o desbroce de montes. Pero non sería máis lóxico que se subvencionase preferentemente os desbroces que aproveitan esta materia para facer abono orgánico? Así crearíase máis riqueza e postos de traballo. E iso até agora ningunha Administración o contemplou.

Contemplar o desbroce do monte para obter abono a partir do toxo e combinar iso con gandería en extensivo sería a forma máis efectiva e barata de rematar cos incendios forestais en Galicia.

Relacionada: Aquí non interesou

No hay comentarios: