lunes, 17 de marzo de 2014

Xesforesta, tentando poñer en valor o monte

La Voz de Galicia: A profesionalización do sector forestal ábrese paso en Barbanza

Aproveitar a serra para algo máis que vender madeira é unha das súas cruzadas

Outro tipo de xestión dos montes é posible. Eles creno firmemente. E non só pola formación especializada que recibiron durante anos, senón pola súa experiencia, que xa lles ha permitida subir os primeiros banzos da súa carreira a base de éxitos. O principal chámase Xesforesta. É a cooperativa que formaron fai case un ano e que están a sacar adiante a base de moitas horas de traballo. Este proxecto apóiase no talento das tres persoas que o idearon: Anxos Riveiro, Carolina García e David Chapela.

A serra de Barbanza é a súa oficina. Aquí traballan, principalmente, para comunidades de montes. «O problema é que investimos máis tempo en resolver problemas do pasado que en afrontar os actuais. O monte deixouse demasiado tempo sen atender da forma que lle corresponde. Hai que pensar que este espazo natural ten que servir para algo máis que plantar piñeiros. É un terreo de todos e a todos ten que darnos beneficios, pero con outros modelos de xestión», explican os tres fundadores desta firma fincada no municipio sonense.

A decisión de por en marcha este proxecto está precedida por traballos en precario e de curta duración. Empresas privadas ou distritos forestais eran os contratantes. «Se algún duraba máis de seis meses podía considerarse un choio», espeta un dos tres socios antes de explicar que a nova aventura na que se meteron ten un patrón estacional: «En Galicia, o coidado dos montes responde principalmente á convocatoria de subvencións e iso condiciona a programación do traballo anual».

Tres áreas de actuación

Realizar deslindes ou cubicar a madeira que hai nun terreo, con tecnoloxía que permite gran precisión, son as súas principais tarefas por agora. Trátase de traballos de tipo forestal, que non están rifados co ambiental e formativo, os dous outros alicerces desta firma que emana motivación. Por agora, a poucos días de cumprirse un ano de vida, xesforesta, camiña con paso firme para lograr unha serra mellor coidada.

La Voz de Galicia: «Hai que conseguir que o monte teña xa unha función ecolóxica, social e produtiva»

Entenden os montes que os viron nacer como unha mina capaz de producir ouro en forma de produtos, por exemplo, alimenticios. Ademais de achegar unha fonte de riqueza laboral nunha época na que presentas da súa xeración deixan a comarca para buscarse a vida.

-Tanto na súa páxina web como noutros formatos publicitarios da súa empresa fálase ofertar servizos de calidade, a que se refiren exactamente?

-Hai que conseguir que o monte teña xa unha función ecolóxica, social e produtiva. Ese debe ser o camiño e nós sabemos como facelo.

-Despois do visto desde que puxeron en marcha a empresa, hai case un ano, haberá que esperar unha substitución xeracional para aplicar as súas ideas ou son válidas para os actuais responsables das comunidades de montes?

-Depende da entidade. Nós xa traballamos, por exemplo, con todas as comunidades de Ribeira (Artes, Carreira, Oleiros e Olveira) e en Lousame, que tamén hai varias, estamos a intentar unificalas para facer unha mancomunidade.

-Na comarca xa existe unha, funciona ben?

-Hai tempo que baixou a súa actividade.

-Custa moito que lles abran as portas e escoiten as súas propostas?

-Ninguén é profeta na súa terra. En ocasións atopámonos que si, pero co tempo, e ao ver que contratando a unha empresa que se encarga da xestión completa dunha mancomunidade deciden dar o paso e contratarnos. Así, por exemplo, se despreocupan da administración fiscal, contable ou forestal.

-É un bo negocio para as comunidades de montes a madeira?

-Hai que pensar que durante moito tempo era difícil cuantificar canta madeira había nun terreo antes de vendelo. Agora, coa tecnoloxía que existe, é posible. Nós podemos dicirlle a un particular ou a unha comunidade o valor exacto para que as empresas madeireiras que a compran páguenlle o seu valor real por ese recurso natural

No hay comentarios: