domingo, 16 de marzo de 2014

Todos somos culpables: Xunta, gandeiros e comuneiros

Lamentablemente esta proposta que avogaba facer na nosa Comunidade e que lembrei nesta entrada, chega demasiado tarde para moitos animais que prestan un gran servizo no noso monte, e nos de outras comunidades.
La Voz de Galicia: O sol chegou tarde para o gando

Cando os temporais azoutan, na comarca mírase con lupa cara á fauna mariña. Berberechos, ameixas e mexillóns dan para comer a miles de familias e, xa que logo, do que se fala é de se hai mortaldade ou non destas especies. Pero hai outros animais que tamén sofren as inclemencias meteorolóxicas. Dunha forma distinta, pero sofrenas. Son os cabalos e vacas de monte que pastan en espazos como a Serra do Barbanza. A eles, o mal tempo pasoulles tamén factura. E de que xeito. Pregúntese a quen se pregunte relacionado co monte -comuneiros, ecoloxistas ou persoas que fan sendeirismo- todo o mundo viu algún cadáver de vaca ou cabalo nas cunetas ou as matogueiras durante os últimos meses.

O xoves, cando o sol ao fin apareceu, darse un paseo pola Curota era como introducir o ollo nun deses calidoscopios de cores. A herba verde, o ceo azul intenso... E un batallón de reses pastando nun chan aínda moi encharcado. Ao mirar aos animais, esa bucólica imaxe que ofrecía A Curota empezaba a cambiar. ¿Por que? A maioría están moi delgados, nótanselles excesivamente as costelas e en todos se evidencia o calvario polo que acaban de pasar. Ao preguntar aos gandeiros, confirman o dato: «Nós si que tivemos baixas no noso gando, porque aínda que lles estivemos levando de comer, o problema foi a chuvia e o frío, o feito de que os animais tivesen que estar á intemperie. Aos que colleu débiles foinos achicando e acabou con eles, esa é a realidade», dixo Manuel Boo, da Pobra.

Tamén os comuneiros saben do asunto. Desde Nebra, Xoán Paz explica que eles non tiveron baixas porque «nos ocupamos de proporcionarlles refuxios para evitalo», pero si é consciente de que os animais que viven na cima da serra «si sufriron moito, eu non lembro nunca tanta mortaldade como desta volta».
Quero supor que La Voz aquí cometeu un erro, xa que non teño constancia de que Xoán Paz, sexa comuneiro, e salvo os porcos, non lembro que teñamos máis animais, a non ser que, o presidente ilegal, cedese os peches baixo a súa responsabilidade, algo ao que nos ten demasiado acostumados.
Á intemperie

Uns e outros, comunidades e gandeiros, son conscientes de que no monte, ben polos incendios ben polas tallas e a propia configuración da serra, cada vez hai menos árbores e lugares onde os animais se poidan refuxiar. Así que soportaron as inclemencias meteorolóxicas deste inverno á intemperie. Unicamente refuxiáronse aqueles que están máis controlados polos seus donos e proporciónanlles casetas ou similares. Precisamente, desde Vox Ánima, unha asociación que traballa en prol da fauna, denuncian esta situación. O seu presidente insiste en que «é terrorífico ir ao monte e ver aos animais mortos de frío, apertándose uns contra outros».

Agora, co sol sobre as súas cabezas, parece que os animais cobran vida a pesar da súa delgadeza. Ninguén se atreve a dar cifras dos exemplares mortos este inverno. Pero todo o mundo está de acordo en que o número «é enorme». E ninguén recorda outro ano tan nefasto para as reses mostrencas barbancesas como o que estamos a vivir.

Encólleseme o corazón
José Carlos Vidal
Presidente de Vox Ánima

No hay comentarios: