sábado, 9 de noviembre de 2013

Por iso as comunidades de Pontevedra están anos luz

Mentres no noso entorno varias Comunidades de Montes «fuxiron escopeteadas» da Mancomunidade de Montes Serra da Barbanza, para nalgúns casos crear novas Mancomunidades en Boiro, Ribeira e Lousame, unha das varias existentes na provincia de Pontevedra senta as bases dun ambicioso proxecto para ordenar e por en valor o monte das 12 comunidades que a integran.

Aquí, ao igual que na Comunidade aprecio unha falta de ideas e certo «secretismo» tamén na Mancomunidade que non tiña porque haber, polo que descoñecemos cantas reunións levan celebrado e o que é máis importante, que é o que aproban, porque se non me traizoa a memoria, nós non ratificamos nada.

En Democracia os comuneiros e comuneiras temos o dereito inescusable de ser algo máis que meros espectadores, ademais de ter que pagala cota correspondente.

A diferenza entre o que acontece agora e cando exercín de secretario da comunidade é que daquela adoitaba publicalas acordos tomados, xa que, ao contrario que nos Consellos de Ministros, non estamos obrigados a gardalo segredo das deliberacións e acordos tomados. No noso caso, tanto é que nin sabemos o que «cociñan» na Xunta Reitora, a pesares de que o presidente, neste caso falando coma máximo representante da Mancomunidade dixese nunha entrevista en La Voz de Galicia: -Boto de menos unha cultura asemblearia con achegamentos comúns-.

Díxolle o pote á tixola achégate acolá e non me manches...!!! O seu deber coma presidente dun e outro colectivo é dar exemplo e culturizarse un pouco máis.

Faro de Vigo: Os comuneiros do concello de Pontevedra aproban un ambicioso plan para a posta en valor dos seus montes

A Mancomunidade de Montes Veciñais de Pontevedra celebrou na noite do mércores a súa asemblea xeral na que, como un dos puntos máis destacados, resultou aprobado o plan de ordenación dos montes veciñais do concello de Pontevedra.

O documento, que agora deberá ratificar cada comunidade no seo da súa propia asemblea (algúns xa o fixeron), senta as bases dun ambicioso proxecto para ordenar e pór en valor o monte das 12 comunidades que integran esta mancomunidade. Juan José González, presidente do organismo, explica que o plan de ordenación recolle medidas como a eliminación de especies invasoras e a recuperación do monte con outras autóctonas, e establece os diferentes usos que deben ter as distintas parcelas de monte existente. Un plan que, ao seu xuízo, permitirá compatibilizar a recuperación ambiental dos montes, coa recuperación do seu patrimonio cultural e etnográfico e o aproveitamento forestal dos mesmos dunha forma sustentable, o que suporía tamén a creación de actividade económica e postos de traballo. Outro dos proxectos nos que están inmersos é nunha negociación cos gandeiros do Monte Acibal para compatibilizar a cría de gando (vacas e cabalos) en réxime se semiliberdade co aproveitamento do monte. Desta forma poríase fin a un conflito que se arrastra desde hai tempo debido aos danos que causan estas reses nas plantacións.

Así mesmo, explorarán a posibilidade de que as xestións que teña que realizar cada comunidade para obter as axudas e permisos para levar a cabo estes proxectos de recuperación do monte pódanse tramitar de forma conxunta a través da Mancomunidade o que podería levar un importante aforro económico. En total, as comunidades de montes de Pontevedra suman ao redor de 2.400 hectáreas de terren e o proxecto prevé completarse en dez anos.

A asemblea tamén deu o visto e prace a un convenio de colaboración entre a Mancomunidade de Montes e o IES Vale Inclán que permitirá a realización de prácticas e visitas educativas dos alumnos deste centro aos montes veciñais. Unhas actividades que contribuirán a un mellor coñecemento do medio natural por parte dos alumnos do instituto.

Renovación da xunta

O terceiro dos puntos de interese da asemblea celebrada onte foi a elección da xunta directiva que quedou configurada igual que estaba actualmente debido a que non se presentou ningunha outra candidatura alternativa. Juan José González continuará como presidente, José Bravo como vicepresidente e Carlos Morgade como secretario, entre os cargos de máis relevancia.

No hay comentarios: