viernes, 1 de noviembre de 2013

Matices e observacións

Se facendo aparentemente ben as cousas estes veciños de Bagüín sinalan "incidencias leves" no proceso expropiatorio que sofren por parte da Xunta de Galicia e polo que van cobrar un xustiprezo. En contra do que opinan algúns que me critican, mais non dan a cara, por estar dando sempre a vara co roubo cometido polo presidente da comunidade en convivencia con Medio Rural, no agro de meu pai, coido que coma eles, asísteme o dereito a non calar ante semellante cacicada cometida por un Concelleiro que presumía de defender aos galegos. Porén nunca dixo que para el e o seu partido había cidadáns de primeira e segunda.
Faro de Vigo: Os afectados expoñen ´incidencias leves´ no proceso expropiatorio de Bagüín

Os 33 propietarios particulares asinan as actas de ocupación e só presentan "matices e observacións" ao documento - O BNG levará ao pleno unha modificación no proxecto

O trámite inicial do proceso expropiatorio da estrada de Bagüín -para construír un carreiro peonil por unha marxe da vía-, resolveuse onte coa firma das actas previas á ocupación, por parte dos 33 particulares afectados por esta obra. Os titulares das parcelas asumiron o proceso e só expuxeron "incidencias leves" ao documento presentado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, segundo explicou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que seguiu o acto desenvolvido onte no salón de plenos do concello.

Os afectados achegaron unicamente "observacións e matices" ás certificacións presentadas polos técnicos, sobre cuestións como peches, valados, ou outros elementos patrimoniais, que en ningún caso interromperán o proceso. A Xunta debe resolver agora estas "incidencias", que non son alegacións, para a continuación pechar o proceso e poder iniciar a actuación. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é a responsable desta obra, que se licita cun orzamento de 280.464,39 euros.

O material empregado na construción deste carreiro peonil será formigón puído. Discorrerá polas marxes da estrada PO-551, cruzando Mogor pola recta de Bagüín até a parroquia de Seixo, na baixada até Aguete.

O proxecto aprobouse o 21 de febreiro de 2013, por parte da Axencia Galega de Infraestruturas. O 25 de abril a Xunta de Galicia procedeu a declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos da expropiación.

Moción do BNG

Por outra banda, o pleno da corporación municipal, que se reunirá o vindeiro venres día 8, tratará unha moción presentada polo BNG, na que se solicita da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que se substitúa a "barreira de formigón" contemplada no proxecto de seguridade viaria na zona de Bagüín, de modo que se continúe o deseño de beirarrúa xa existente no resto da PO-551 "e non se constrúa ningún tipo de barreira entre as propiedades afectadas e a estrada".

"Despois da reunión mantida coa asociación de veciños Labirinto de Mogor e cos propietarios afectados polo proxecto, decidimos presentar unha moción para que o pleno referende a solicitude que os propios veciños tamén presentaron no Concello", explica a portavoz do BNG, Pilar Branco. "O BNG vén reclamando cos veciños, desde hai xa moitos anos, que a Xunta acometa este proxecto de seguridade viaria na parroquia de Mogor, e agora que por fin vaise a acometer queremos que quede o mellor posible", apunta a concelleira nacionalista.

Pilar Branco argumenta que o proxecto contempla unha barreira de formigón para separar o tráfico rodado do peonil, de modo que o acceso ás propiedades non vai se é posible desde a estrada. Os veciños solicitan que se continúe o deseño das actuais beirarrúas ou similar, "tal e como vén facendo en todos os tramos da PO-551", indica Branco.

A iniciativa da portavoz do BNG, a comisión informativa de Medio Rural tratou esta moción de modo urxente e acordouse levala ao pleno municipal. "O PP presentará unha emenda relativa ás entradas das leiras, no sentido que só se acondicionarán as que teñan acceso desde a PO-551, de modo que contamos co voto favorable do grupo de goberno e con que a Xunta se aveña a suprimir esta barreira e a continuar as beirarrúas existentes", finaliza Pilar Branco.

No hay comentarios: