sábado, 5 de enero de 2013

Outra comunidade que fai os deberes


Os comuneiros e comuneiras temos dereito a decidir como van ser os orzamentos da nosa comunidade!!!

Unha comunidade de montes que se prece, debería ESIXIR sempre aos seus reitores, aos de agora, e aos futuros, que ten que ser o pobo reunido en asemblea xeral convocada ao efecto, o que decida como, onde, e cando investilos CARTOS de todos. Nisto tamén van engadidas as subvencións, xa que son concedidas á colectividade, non aos xestores.

O que pido non é nada do outro mundo, porque ate a oposición municipal leva anos pedindo que os orzamentos municipais sexan consensuados cos distintos colectivos sociais que existen en Porto do Son. Polo tanto máis ao meu favor, no caso dos orzamentos das comunidades de montes.

Dende logo para min non é ético, nin moral que unha comunidade como a nosa, con máis de 250 comuneiros e comuneiras, corten solos o bacallau pouco máis dunha ducia.
Diario de Arousa: A Comunidade de Montes de Noalla aproba o seu orzamento

A Comunidade de Montes de Noalla aprobou na última asemblea celebrada un orzamento para o ano 2013 próximo aos 80.000 euros que non estivo exento dalgunha protesta por parte dalgún dos comuneiros presentes no encontro.

Un dos puntos que suscitou algunha que outra crítica foi o relativo a unha partida de 8.000 euros que se destinará a axudar a outros colectivos de Noalla. Os responsables da entidade explicaron que non se trata de entregar unha cantidade económica ás asociacións, senón de colaborar con elas á hora de asumir algúns gastos co obxectivo de que poidan seguir funcionando.

Do mesmo xeito, ao longo deste ano a Comunidade de Montes de Noalla investirá preto de 10.000 euros nunha actuación que suporá o empedrado dunha zona exterior próxima á Casa Forestal, onde tamén colocarán unha serie de máquinas de ximnasia para dotar ao lugar dun parque biosaludable.

Así as cousas, a pesar de que inicialmente houbo algunhas críticas, finalmente o orzamento foi aprobado por maioría absoluta estando practicamente todos os comuneiros de acordo coas previsións de ingresos e gastos para o ano 2013.

Na asemblea, a xunta reitora tamén explicou aos socios a súa intención de comprar un terreo ao longo deste exercicio, aínda que polo momento non transcenderon máis datos respecto diso, á espera de ter algo máis avanzado o proxecto.

Na asemblea os socios tamén facultaron á xunta reitora para levar a cabo unha serie de proxectos encamiñados a desenvolver dous ou tres terreos que actualmente se atopan cheos de maleza e sen ningún aproveitamento.

Polo momento, aínda non decidiron que proxectos levar a cabo nestes dous terreos pero poderían optar por valalos ou facer algún tipo de parque para o goce dos veciños. De todos os xeitos, estas actuacións aínda están por concretar.

Finalmente, desde a Comunidade de Montes tamén iniciaron a creación dun censo para cumprir a Lei de Protección de Datos, de maneira que a entidade só poderá dispor dos datos dos socios que así o soliciten de maneira expresa.


No hay comentarios: