lunes, 19 de noviembre de 2012

O contrapunto


A noticia que achego hoxe amosa a forma de traballar doutras comunidades, en consonancia coa nosa. Arriba pódense ver parte dos eucaliptos tirados no chan froito dunha rarea de 8 Has., practicada por Tragsa, cando aínda era o secretario da comunidade.

A pesares de que tratei por tódolos medios de convencer ao resto de que debíamos darlles unha solución, ben xuntándoos para vendelos por lotes, ou comunicar aos comuneiros que fixesen o aproveitamento pola súa conta. Non se me fixo caso. A rarea debeuse efectuar nos primeiros meses do ano, de feito teño outra foto de abril xa coas follas secas.

A finais do mes de xullo o presidente convocou unha reunión da xunta reitora a pesar de que sabía que non podía acudir, por atoparme en Madrid, para estudar aínda que facer con toda esa leña. Logo, veu o lume, e aforroulles o traballo de romperse mais a cachola.

Sen embargo nesta comunidade, si teñen claro que facer coa leña que acumulan nos seus montes, sen tanta parafernalia como nos gastamos aquí... Iso si, para o que lles interesa, para outras cousas danlle a todo para diante saltándose á toureira a legalidade vixente.
Faro de Vigo: Unha poxa moi rural


A Comunidade de Montes de Moaña celebrou onte a súa periódica poxa de leña, na que participaron decenas de socios. Aínda que o prezo de saída foi de 20 euros, todos os lotes vendéronse por un importe superior, até os 60 euros. En total, os compradores levaron once lotes de leña, que servirá para quentar os fogóns durante o inverno.

Tras un longo traballo de recolección de leña, a recompensa chegou. Os comuneiros de Moaña realizaron onte un dos actos máis tradicionais dentro do seu calendario: a poxa de lotes de leña. Moitos dos compoñentes da Xunta de Montes achegáronse até o local social da Tioura para poxar e poder levar ás súas casas un material tan prezado nesta época do ano, cando a maior parte das familias opta pola calor dun fogón para combater o frío invernal.

Durante pouco máis de dúas horas, os participantes aproveitaron para realizar as súas ofertas, que se iniciaron cun prezo de saída de vinte euros por cada lote. Non obstante, por ningún dos once lotes poxados se pagou ese prezo, senón que incrementaron o seu custo até alcanzar, nalgunha ocasión, o sesenta euros. A diferenza de anteriores ocasións, na cita de onte vendéronse tódolos lotes e non quedou deserta ningunha oferta. Durante o transcurso do acto tamén tiveron cabida bromas entre compañeiros, que trataban de alcanzar de negociar a cantidade económica ideal para levar unha das cargas de leña de eucalipto e carballo, moi demandados coa chegada das baixas temperaturas.

Cada lote equivale en tamaño á carga dun remolque común de tractor. Tras o animado proceso de venda, os comuneiros moañeses repartiron cada paquete de leña cun distintivo para que cada comprador procedese ao seu posterior traslado.
Os comuneiros realizarán unha nova licitación no principio do ano

No hay comentarios: