miércoles, 5 de septiembre de 2012

Outras formas de sacarlle proveito ao monte


Até non fai tantos anos, As Gavias era unha zona á que acudían moitos veciños e veciñas de Nebra e doutras aldeas veciñas, na procura de castañas. Dende que se nos devolveron os montes, aló no ano 1979 e logo se arrasou con todo, os únicos castiñeiros plantados pola comunidade debémosllo ao finado de tío José do Patrón, que os plantou na Belga a finais dos 90. De aí foi de onde foron tomadas estas fotos en maio.

Plantas ás que as xuntas reitoras que o precederon non lle efectuaron as pertinente podas de formación, para que creceran fortes, vigorosos e chegasen a ser algún día, se non unha fonte de ingresos polo limitado do espazo plantado, si podían ser motivo de celebrar algúns magostos na comunidade.

Noutras comunidades si apostaron máis por algo que non só fosen pinos e xa o ano pasado buscaban a formula de buscarlle proveito.
La Voz de Galicia: Vilaboa comercializará as castañas dos seus montes

A comunidade de montes veciñais de Vilaboa está pendente de escoller a mellor oferta para comercializar, por primeira vez, as abundantes castañas que crecen nun dos seus bosques. O presidente dos comuneiros, Xabier Míguez, explicou que no castiñeiro de Labradiña, na contorna do lago de Castiñeiras, hai unhas tres hectáreas de bosque onde este produto crece en gran número e con boa calidade.

Os cálculos pasan por pór no mercado unha primeira partida este ano de preto de 4.500 quilos de castañas. Esta cifra poderíase regular dependendo da demanda e do estado do bosque nos próximos anos. Xabier Míguez indicou que os comuneiros xa recibiron as propostas de varias empresas interesándose polo prezo deste produto ante unha previsible adquisición pola súa banda.

O dirixente veciñal espera que este mes se contrate á empresa que dea a mellor oferta. Desta forma, sacarase un rendemento económico a un bosque que, ata agora, só se estaba traballando para cubrir necesidades caseiras dos comuneiros. O obxectivo é conseguir que este produto, unha vez comercializado, cre unha maior demanda e póidanse incrementar os ingresos en Vilaboa co fin de que repercutan no benestar dos comuneiros.

Roza

Para facilitar a recollida das castañas, está previsto que se realice a roza do bosque para que o traballo se faga nas melloras condiciones posibles.

A iniciativa de Vilaboa é pioneira no Morrazo, xa que Míguez sostivo que en toda a comarca non hai ningunha comunidade de montes que conte cunha superficie tan grande de castiñeiros e tampouco lle consta que haxa ningunha que comercialice este produto.

O plan de ordenación prevé a plantación de castiñeiros ata un tope ideal de 28 hectáreas. Varias destas hectáreas íanse plantar este outono. Míguez sostivo que, no entanto, para alcanzar este obxectivo os comuneiros dependen de axuda exterior e lamentou os recortes das subvencións de frondosas por parte de Medio Rural.

No hay comentarios: