viernes, 4 de abril de 2014

Que seria dos nosos montes sen cabalos, vacas e cabras?

Até fai uns anos, grazas a que para estralas cortes aproveitábanse os toxos, fieitos e incluso a pluma dos pinos "picaños", para acendelo lume nas lareiras e arriba na serra, queimábanse os toxos para aproveitalo seu tallo, como leña, habendo épocas nas que non había onde apaña unha gallada de batume.

Porén os tempos foron mudando e hoxe en día virámoslle as costas ao monte, porque as familias foron minguando e por unha mala praxes dos políticos, non sei se dos gobernos galegos e español ou impostas por Europa. O certo é que os que tiñan vacas fóronse desfacendo de elas e o resultado salta á vista. O monte volveuse unha selva en mato, que non en produción madeireira, grazas en parte aos pirómanos que cada verán dedícanse a plantarlle lume, non deixando que as plantacións saian adiante.

Se a isto sumámoslle que houbo un tempo no que @s comuneir@s, tiñan un traballo temporal polo que obtiñan uns ingresos extras, e agora, sen que sexa aprobado, pola Asemblea e presuntamente nin polos vogais, que empresas foráneas copen eses traballos levándose os pouco beneficios que nos reporta o monte, non me estraña nada que cada vez o sintan menos como algo NOSO.

Ao mellor se en vez de un funcionario, tivésemos un presidente de verdade, buscaría outras perspectivas, en vez de agardar a que lle dean todo feito.

La Voz de Galicia: «A xente dáse conta de que os cabalos no monte fan falta»

A asociación cabalar aumenta a súa cabana coa compra de 15 cabezas

José Manuel Pereira Castiñeira (Vimianzo, 1971) é o presidente da Asociación Cabalar Monte Faro que organiza cada ano a Rapa das Bestas. Nesta ocasión, cos 15 animais que acaban de mercar en Mazaricos, suman xa 50 e considera que a festa está garantida.

-De onde trouxeron as bestas novas para o monte?
-Mercámolas na zona da Ruña, en Mazaricos, a un señor de Colúns e outro que é da parte de Xián, se non me engano. Con estas xa temos medio cento e penso que, de momento son dabondo. Un ano chegou a non haber Rapa, pero nesta ocasión non creo que teñamos problema.

-Resulta doado mantelas?
-Temos os nosos problemas porque sempre hai ataques do lobo, aínda que menos, e ademais róubannos os pastores eléctricos. Como están no monte desaparecen moi a miúdo. A colaboración das Administracións tampouco non é moita.

-Non hai axudas logo?
-Para os microchips si, dentro do que é a pura raza galega e nós a maior parte dos animais que temos son deses. Adaptasen mellor ao terreo porque xa están acostumados ao clima, son máis pequenos e resisten bastante máis. O que pasa é que a clave non está aí. O ideal sería que a Xunta nos apoiase para protexer as estradas. En vez de ter os animais encerrados, con poñer valos nas vías chegaba e iso é o que non conseguimos.

-Entón quen lles axuda?
-Nós con iso temos moita sorte porque somos 300 socios e todo o mundo se preocupa. Se os vén baixar do monte de seguido lle dan volta ou avisan. Sempre hai quen os vaia visitar, mirar como están,... Iso é o bo de teres unha asociación porque para un particular só isto sería totalmente imposible.

-Non lles dan problemas coas praderías e os cultivos?
-Non precisamente por isto porque están controlados. Ademais a xente dáse conta de que os cabalos no monte fan falta. Cada vez hai máis persoas que queren que lles entren nas súas fincas de monte e non poñen problemas.

-Para que queren que entren?
-Porque estes animais fan un labor de limpeza importantísimo. Se nos parásemos a pensar un pouco, co que dixen de protexer as estradas, estariamos aforrando moitísimos cartos en extinción de incendios, en cuadrillas e demais, porque o lume, cando vén, lévao todo por diante e as perdas son moito maiores.

-En que estado están?
-Moi ben porque o noso monte é moi bo criador de comida. Ademais temos bastante extensión de terreo e non atopan demasiados problemas para conseguir alimento. A parte, xa se están reproducindo. Temos crías novas e con iso e máis co que compramos penso que non nos han de faltar animais. Iso si, segue sendo unha actividade na que perder diñeiro e, sobre todo tempo, de sacar rendemento algún de todo isto, nada de nada. Nin tan sequera o esperamos porque é imposible.

-Pensa entón como se di noutras zonas que morren de frío?
-Non o creo eu penso que é por falta de comida. Non se trata de xuntar moitos animais en pouco sitio porque morren de fame. Hai que telo en conta, por iso opino que 50, que é os que temos agora, xa se trata dunha cantidade suficiente para poder coidalos como é debido.

No hay comentarios: