sábado, 15 de febrero de 2014

Outra comunidade na busqueda dun futuro prometedor


Máis que nada hoxe fágome eco desta noticia, non polo proxecto que tenta emprender esta comunidade, á que lle desexo, sobre todo aos animais que tentan criar, mellor futuro que o que tiveron os nosos porcos, que presuntamente foron liberados polo monte á súa sorte.

O que máis me interesa da noticia, vai seguido do apartado de contas, para que algúns se decaten como teñen que proceder, se fosen algo máis demócratas e non actuasen coma se o monte fose seu, cando en realidade, e isto sábeno ben, é de tódolos comuneiros e comuneiras.

Faro de Vigo: Comuneiros de Meira valoran criar cabras para diversificar o uso do monte e mantelo limpo

Na asemblea do día 22 votarán unirse á asociación galega de criadores - O obxectivo é sacar rendemento aos terreos comunais mentres se mantén o seu equilibrio.

A Comunidade de Montes de Meira celebra a súa asemblea xeral o vindeiro sábado día 22 de febreiro. Entre os asuntos da orde do día destaca a autorización ao presidente, Luís Lemos, para que o colectivo asóciese a OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia). A intención é recuperar unha actividade gandeira practicamente perdida en O Morrazo. Lemos explica que buscan asesorarse e analizar a posibilidade de criar cabras no monte comunal cun dobre obxectivo: por unha banda esperan diversificar a actividade económica e o rendemento ligado ao monte e polo outro mellorar a xestión da limpeza das hectáreas de terreo mancomunadas.

"Se ao final se leva a cabo, a intención sería que o gando estea o maior tempo posible fóra, trasladándoo en función de que áreas temos que limpar. Axudaríanos a manter o equilibrio no monte sen realizar tanto traballo como nestes intre", explica o presidente dos comuneiros.

A localización que barallan para unha instalación fixa que actúe como refuxio nocturno dos animais é na zona coñecida como "Casa dos Parentes", situada por detrás do barrio de O Caeiro.

En principio os comuneiros non se expoñen realizar novas contratacións de persoal se este proxecto acaba facéndose realidade, pois a actual cuadrilla forestal encargaríase do coidado do gando.

O colectivo OVICA fundouse en 1994 para agrupar a produtores de gando ovino e caprino, tanto de carne como de leite. Trata de impulsar o desenvolvemento deste sector en Galicia a través de distintas entidades asociativas. Os comuneiros de Meira poderían ser os próximos en integrarse nesta asociación.

A asemblea será o 22 de febreiro ás 15.00 horas en primeira convocatoria e ás 17.00 horas en segunda convocatoria no salón de actos do CEIP Reibón. Entre outros asuntos a xunta directiva resumirá os traballos realizados no ano 2013 e informará os proxectos previstos para este ano.

Contas

Tamén someterase a votación as contas do colectivo así como o orzamento de 2014.

Os comuneiros que asistan poderán informarse de diferentes asuntos como o deslinde con terreos particulares, a situación na que se atopa a parcela da Borna que en outubro de 2011 fora alugada a un estaleiro do Grupo Rodman, ou sobre as antenas en monte comunal.

A asemblea tamén deberá decidir sobre a permuta de terreos solicitada por até tres veciños en distintos puntos do monte comunal.

Está previsto actualizar o censo de comuneiros e solicitar a autorización para realizar diversas cortas, así como autorizar ao presidente para pedir subvencións a distintos organismos oficiais e privados.

No hay comentarios: